Xornada de nervios no campus, comezan os exames da selectividade
Por Redacción
Desde este martes e ata o xoves teñen lugar as probas da Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU).
Todos os edificios do campus de Pontevedra, fóra das facultades de Fisioterapia e Belas Artes, que non dispoñen de aulas axeitadas, acollen os exames desta proba coñecida popularmente como a selectividade.
A principal novidade desta convocatoria é que os alumnos cunha materia suspensa ao acabar segundo de bacharelato poden presentarse á ABAU se o profesorado, por exemplo, cre que o alumno logrou os obxectivos adecuados e que a media aritmética das notas en todas as materias sexa igual ou superior a cinco.
Este ano as máscaras non son de uso obrigatorio como nas dúas últimas convocatorias. Agora será decisión do alumnado e do persoal que colabora coas probas.
Outra novidade este ano é que o espazo entre alumnos redúcese a un asento, o que implica que as aulas serán aproveitadas na metade da súa capacidade total, sen límite de matriculados. Por outra banda, os vixiantes distribuiranse da mesma maneira: un vogal para aulas con menos de 40 alumnos e dous para as clases que superen este número.
Segundo os datos achegados pola Comisión Interuninversitaria de Galicia (CIUG), en total, en toda Galicia son 12.661 os alumnos convocados, dos que 11.047 estudantes acudirán á convocatoria ordinaria completa, é dicir, materias troncais, e 1.613 unicamente presentaranse á fase voluntaria para subir a nota que obtiveron noutra convocatoria.
Os estudantes con necesidades especiais ou con diversidade funcional poderán realizar os seus exames na comisión delegada no Centro de Recursos Educativos da Once en Pontevedra ou nos centros asignados en cada campus.
MATERIAS
A xornada iniciarase ás 9,00, coa presentación, para que ás 10:00 horas comece o exame de Historia de España. A mañá continuará con Lingua Castelá e Literatura (12:00 horas); Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais e Fundamentos da arte (15:30 horas), e finalizará ás 17:30 horas cos exames de Economía da empresa e Deseño.
O mércores será o día con maior cantidade de probas, con Lingua Galega e Literatura (9:00 horas); Primeira Lingua Estranxeira (11:00); Matemáticas e Latín (13:00); Debuxo Técnico, Artes Escénicas e Segunda Lingua Estranxeira (16:00), e as probas de Química e Grego darán por finalizada a segunda xornada ás 18:00. Cada estudante examinarase dun máximo de cinco materias esta xornada.
A convocatoria ordinaria finalizará o xoves con Bioloxía e Historia da arte (9:00 horas); Física, Xeografía e Cultura Audiovisual (11:00), e as últimas probas corresponden ás materias de Xeoloxía e Historia da Filosofía, ás 13:00 horas.
Relacionadas:
-
Comeza a ABAU en Pontevedra co destino universitario de 1.291 estudantes en xogo
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Trescentos estudantes inician en Pontevedra as probas extraordinarias da ABAU
Por Redacción |
-
O profesorado dos centros públicos protesta contra as instruccións da Xunta para o vindeiro curso
Por Oskar Viéitez |
-
A Restauración borbónica e a construción do ferrocarril rebaixan a tensión no inicio da ABAU en Pontevedra
Por Manu Otero & Diana Eiras |