A Universidade abre para toda a cidadanía o prazo de inscrición a cinco cursos de verán
Por Redacción
A plataforma Campus Activo da Universidade de Vigo ten aberta desde este mércores a opción de inscribirse en cinco cursos de verán de extensión universitaria que permitirán seguir formándose durante as vacacións tanto ao alumnado como a calquera persoa interesada.
Con opcións tanto presenciais como virtuais, o campus acollerá entre os meses de xuño e setembro cinco cursos de entre 30 e 44 horas, que suman no seu conxunto máis de 180 prazas.
Nesta programación formativa da Vicerreitoría do campus insírense por unha banda tres novas propostas, centradas na performance, na cerámica e no manexo de follas de cálculo con software libre, ás que se suman novas edicións do taller sobre o uso da robótica educativa no ensino das ciencias e do curso no que diferentes profesionais da comunicación e o márketing relatan as súas experiencias profesionais.
Con prezos que van dos 25 aos 86 euros para o público xeral e sobre os que se aplica un desconto aos e ás integrantes da comunidade universitaria e colectivos vencellados, a inscrición nestes cursos permanecerá aberta ata o 10 de xuño no caso daqueles programados para os meses de xuño e xullo e ata o 1 de agosto para os que teñan lugar en setembro.
Dúas das novidades desta programación de cursos de verán arrancarán neste mes de xuño na Facultade de Belas Artes. A primeira delas, o taller O torno cerámico como ferramenta terá lugar entre os días 16 e 30 e está dirixido a iniciar ao alumnado tanto no manexo desta ferramenta como noutras técnicas de construción con arxila.
Tamén en Belas Artes, do 27 de xuño ao 1 de xullo desenvolverase a primeira edición de Performance e actos poéticos, un curso dirixido a “descubrir e potenciar a personalidade creativa” dos participantes, a través da comprensión da performance “como proceso de autocoñecemento e encontro”, segundo explican os seus promotores.
A terceira das novidades é o curso virtual Follas de cálculo con software libre, que se desenvolverá entre o 16 de xuño e o 26 de xullo a través de Campus Remoto.
Entre os días 21 e 30 de xuño, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acollerá a quinta edición do curso Robótica que, a través do uso do encerado dixital interactivo e de diferentes materiais de robótica educativa, busca amosar ao alumnado novos recursos e posibilidades didácticas para abordar cuestións relacionadas coa sustentabilidade nas aulas de infantil e primaria.
Por último, entre o 8 e o 15 de setembro terá lugar a segunda edición de Comunicación empresarial e institucional en primeira persoa. Dez casos de éxito en Galicia relatados polas persoas protagonistas, que neste 2022 combinará a modalidade presencial, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, coa posibilidade de seguilo de xeito virtual a través de Campus Remoto.