15 de xuño, data de entrega de composteiros na Casa de Cultura de San Xulián
Por Redacción
A boa resposta que a compostaxe individual está a lograr en Marín, segundo o goberno local, levou a que a concellería de Medio Ambiente reparta un centenar de novos composteiros individuais entre a veciñanza. Trátase de composteiros procedentes da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama).
A entrega realizarase, segundo indica a concelleira Marián Sanmartín, o mércores 15 de xuño a partir das 20.00 horas na Casa de Cultura de San Xulián. Tamén se ofrecerán cubos pequenos domésticos para recoller os restos orgánicos nas cociñas e despois trasladalos aos espazos para compostar.
O Concello de Marín conta cunha listaxe de repartición pero indica que aínda quedan composteiros dispoñibles. As persoas interesadas en reservar un composteiro individual deberán inscribirse enviando un correo electrónico a alcaldia@concellodemarin.es ou chamando ao teléfono 986 88 03 00.