Boa acollida dos composteiros individuais en Marín
Por Redacción
O Concello de Marín informa de que a compostaxe individual é unha das actividades sostibles que mellor funciona na xestión dos residuos domésticos do municipio. Por iso, desde o consistorio continuarán apostando por esta vía.
Coa adhesión ao programa da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), realizáronse varias entregas de composteiros. A última remesa foi en xuño de 2020, cando se repartiron 100 unidades na Casa de Cultura de Santomé.
Nos últimos meses, procedeuse á revisión de varios fogares nos que foron implantados estes equipos de compostaxe, constatándose uns resultados plenamente satisfactorios e unha moi boa acollida do sistema por parte da veciñanza que se adheriu ao programa.
Dado o éxito desta iniciativa, o Concello de Marín xa solicitou a Sogama un novo envío de cen composteiros individuais, que desta vez se repartirán na parroquia de San Xulián.
A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, indicou que xa existe unha lista de persoas con reserva que quedaran sen composteiros nas primeiras reparticións, pero aínda así a listaxe de interesados en coller unha unidade segue aberta, para o que deberán anotarse no rexistro municipal.