O pleno de Poio aproba unha modificación técnica do ICIO "que non afecta a bonificacións e gravames"
Por Redacción
O pleno da corporación aprobou este martes, cos votos favorables dos grupos que forman o goberno local, unha proposta para a modificación das ordenanzas fiscais reguladoras tanto da taxa de prestación por servizos urbanísticos como do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO).
Dende o goberno local precisaron que esta actualización ten que ver con aspectos xurídicos, sen que varíe nin o tipo de gravame nin as bonificacións aprobadas no seu momento.
Tal e como aclararon os responsables municipais, a modificación é "unha cuestión unicamente técnica", para que a ordenanza inclúa a aplicación "non só ás actuacións con licenza, senón tamén ás declaracións responsables non sometidas a licenza".
Deste xeito, o tipo de gravame mantense no 4, salvo nos casos de vivendas en réxime de autopromoción, no que se aplica o 2,4. Ademais, tamén segue vixente a bonificación do 95% para aquelas construcións que aposten pola eliminación de barreiras arquitectónicas ou impulsen medidas para o aproveitamento enerxético. Trátase dun desconto aprobado no Concello de Poio pero que "non é habitual atopar noutros municipios".
Esta modificación técnica foi rexeitada polo Partido Popular que, segundo o goberno local "segue na súa teima de tratar de manipular e retorcer a realidade a base de discursos populistas e tramposos, que sempre varían en función de si os ‘populares’ gobernan ou forman parte da oposición".
No caso de Poio, os dirixentes municipais lembran que "o PP xa pediu a anulación de practicamente todos os impostos, sen que iso lles impida esixir actuacións e obras constantemente".
O goberno local advirte de que "seguir esa liña levaría ao Concello á bancarrota", xa que, segundo as estimacións feitas polo departamento de Facenda, "aplicar a supresión de taxas e reducións constantes que defende o PP implicaría perder máis de dous millóns de euros ao ano, o que demostra a nula capacidade de xestión do Partido Popular".
No caso concreto do ICIO, o goberno municipal amósase moi sorprendido polo feito de que os ‘populares’ esixan a supresión deste imposto, que se aplica en máis do 95% dos concellos de toda Galicia. "O PP mantén o seu dobre discurso de esixir a eliminación de impostos cando está na oposición e de aumentalos ou crear novas taxas cando goberna", afirman dende o equipo do alcalde Luciano Sobral.
Por último, o goberno local tamén lamenta "a insistencia por parte da oposición á hora de tratar de confundir á veciñanza con afirmacións catastrofistas".
"O Partido Popular leva máis de 20 dicindo que o Concello de Poio está arruinado, cando a realidade di que somos un municipio que segue consolidando o seu crecemento, marcando o seu tope histórico en número de habitantes, contando cunha das rendas por vivenda máis altas de Galicia e cos rexistros de desemprego máis baixos dos últimos 15 anos", sinalan os dirixentes municipais.
Teñen claro que esta situación prodúcese "grazas á política de conxelación de taxas consolidada xa desde hai practicamente unha década e á capacidade do Concello á hora de acadar investimentos. Proba diso son os 4 millóns de euros correspondentes a este apartado que figuran na liquidación do orzamento de 2021".