Unha empresa norueguesa ofrece medios gratuítos para baixar ao pecio do Villa de Pitanxo en Terranova
Por Natalia Puga
Unha empresa privada de Noruega está disposta a ceder medios materiais para poder cumprir cunha das principais reivindicacións que manteñen desde fai tres meses as familias da tripulación do Villa de Pitanxo: descender ao pecio do buque en augas de Terranova (Canadá). A empresa ofrece de forma gratuíta un sónar de varrido lateral e un robot.
A portavoz das familias dos 21 mariñeiros desaparecidos e falecidos no naufraxio, María José De Pazo, deu a coñecer esta información este sábado tras unha reunión celebrada en Santiago de Compostela entre un grupo de familiares; o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; e a conselleira do Mar, Rosa Quintana.
Tal e como informou De Pazo, foi o propio Rueda o que lle trasladou esta oferta e, ademais, ofreceu unha colaboración do Goberno galego para que este ofrecemento sexa realidade. Así, ofreceulles que a Xunta asuma os gastos do envío e devolución dese material.
O sónar e o robot cedidos por esta empresa de Noruega e que a Xunta trasladaría deberían, iso si, instalarse a bordo dun buque que as familias sosteñen que debe ceder o Goberno central.
O propio Rueda informou, tras a reunión, a través da súa conta de Twitter, que as familias teñen todo o apoio da Xunta na súa petición de que submarinos estuden o que sucedeu. "É unha petición lóxica, de humanidade e viable nestes meses de bo tempo", valorou.
Ademais, o presidente da Xunta anunciou que trasladará esta reivindicación ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
María José de Pazo valorou que esta oferta de lle empresa norueguesa é "un paso cara adiante" e mostrou a súa confianza en que Sánchez, ou aquela persoa do Goberno que deba tomar a decisión, recolla a luva. "Presidente Sánchez, poña o buque e vaiamos xa, que estamos a contra reloxo", pediu.
De Pazo lembrou que as familias reclaman que se baixe ao barco e que consideran que é viable a pesar de que o Goberno o ha descartado. "Pódese facer sen poñer en risco a ninguén, agora no verán segundo o que din os expertos", explicou
O obxectivo é obter probas para esclarecer as causas do afundimento. Esas probas serán fundamentais na causa xudicial que está aberta nestes momentos na Audiencia Nacional sobre o naufraxio.
Este sábado, De Pazo tamén anunciou que un "gran bloque" das familias da tripulación presentarán unha querela criminal contra dous dos tres sobreviventes, o patrón do buque, Juan Padín; e o seu sobriño, Eduardo Rial; así como contra a empresa armadora, Pesquerías Nores.
Trátase dunha querela que se seguirá por 21 presuntos delitos de homicidio por imprudencia, delitos graves contra saúdea dos traballadores, falsidade documental e encubrimento.
"Cremos na xustiza, no que investiga a Garda Civil, en que se está levando todo a cabo de forma rigorosa", sinalou De Pazo, que asegura que expertos técnicos altamente cualificados que colaboran coas familias de forma altruísta conclúen "con unanimidade" que "hai responsabilidade criminal".
Relacionadas:
-
Familiares das vítimas do Villa de Pitanxo, indignados porque o buque Vizconde de Eza non explore os restos do naufraxio
Por Redacción |
-
As familias manifestaranse en Madrid a semana próxima pola "inaceptable" actitude de Goberno
Por Natalia Puga |
-
Rescatan en bo estado aos 11 tripulantes dun buque de Marín afundido no Gran Sol
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Rueda ve "incomprensible" que o Goberno se negue a baixar ao pecio do Villa de Pitanxo
Por Alejandro Espiño |
-
Presentan as querelas contra dous dos sobreviventes do Villa Pitanxo e a casa armadora
Por Alejandro Espiño |
-
"Apoyo total" de Felipe VI ás familias do Villa de Pitanxo
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño |
-
As familias do Villa de Pitanxo reuniranse coas autoridades do centro de salvamento de Halifax de Canadá
Por Oskar Viéitez |
-
As familias do Villa de Pitanxo esixen "respostas" tres meses despois do naufraxio
Por Alejandro Espiño |