Extinguen na Caeira o primeiro incendio forestal da tempada
Por Manu Otero & Mónica Patxot
Co verán ao virar a esquina e as altas temperaturas instaladas xa nas Rías Baixas, o caldo de cultivo para a produción de incendios forestais está servido. E o primeiro lume da tempada rexistrouse este venres nunha zona boscosa da Caeira moi próxima á Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra.
Ao redor das 13 horas, unha visible columna de fume negro podía observarse desde calquera punto da ría e moi pronto o servizo de Emerxencias recibiu o aviso. Unha patrulla da Policía Local de Poio, así como unha cuadrilla de axentes forestais de Medio Rural foron os primeiros en chegar ao lugar e comezar os labores de extinción.
Ao lugar de difícil acceso chegou tamén unha motobomba e efectivos de Protección Civil, así como unha patrulla da Garda Civil e da Policía Autonómica para investigar as causas da orixe do lume. Tamén foi despregado un helicóptero, aínda que a súa intervención non foi necesaria.
A superficie calcinada, na que abundaban os eucaliptos e os fentos, roldou os 3.000 metros cadrados segundo informaron no lugar dos feitos os bombeiros forestais a PontevedraViva. Despois de apagar as lapas, os traballos centráronse en refrescar a zona para evitar a reactivación dun incendio que se deu por extinguido ao redor das 15 horas desta tarde de venres.
Aínda que o lume non estivo preto de ningunha casa, si que alertou a moitos veciños da contorna que se achegaron ata o centro de operacións do servizo de emerxencias para interesarse polas dimensións do incendio e para mostrar o seu malestar pola abundancia de maleza nesta zona que facilitou o avance do lume e que, de non ser pola rápida intervención dos bombeiros forestais, provocaría maiores danos.