O Concello de Vilaboa urxe medidas de calmado do tráfico na estrada de Paredes a Arcade
Por Redacción
O Concello de Vilaboa pide á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade medidas que melloren a seguridade da PO-264, a única estrada autonómica que atravesa Vilaboa, vial secundario que comunica o lugar de Paredes con Arcade.
As medidas que pide o Concello son, en concreto, para o calmado do tráfico á altura de Paredes, un vial sen beirarrúas e con moita circulación de vehículos pesados.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, solicitou unha reunión urxente co responsable do Servizo Provincial da AXI en Pontevedra, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.
Poza fala dunha "acusada inseguridade" da circulación peonil e dun incremento considerable do tráfico de vehículos pesados por esta estrada nos últimos tempos, o que eleva o risco para os viandantes.
O rexedor demandará a execución urxente de medidas de calmado de tráfico, tales como 'lombos de asno' nos lugares de maior risco para forzar a redución da velocidade onde hai maior circulación peonil, que coincide coa delimitación do núcleo rural de Paredes.
Tamén solicitará a construción de beirarrúas ou sendas de seguridade peonil, como mínimo nunha das marxes da estrada e a conexión peonil entre o trazado da estrada autonómica PO-264 e a estrada estatal N-550 para posibilitar a conexión coas restantes vivendas e equipamentos ao leste.