O rueiro de Sanxenxo asumirá 30 novas denominacións
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A comisión informativa de Asuntos Xerais abordará, na sesión convocada para o xoves, a proposta da Alcaldía de reforma do rueiro local co fin de asignar nomes a 30 rúas, prazas e espazos públicos que neste momento carecen del.
Á hora de elaborar a nova nomenclatura, o Executivo municipal tivo en conta as achegas realizadas tanto por asociacións e colectivos coma por aqueles veciños que a título particular fixeron chegar as súas proposicións á Casa Consistorial.
Ademais, a documentación sobre este asunto e os planos de situación foron trasladados a todos os partidos da oposición coa antelación necesaria para que poidan formular a súa contribución a este proxecto. Así, os representantes da Corporación terán unha nova oportunidade de incorporar as súas opcións durante a comisión informativa previa á celebración do Pleno ordinario previsto para o luns.
"A falta de nome nas rúas ocasiona evidentes complicacións tanto dun punto de vista estatístico como para o desenvolvemento da vida ordinaria"
"Como consecuencia da dinámica propia urbanizadora dun concello como o de Sanxenxo, existen diversas rúas e prazas de recente incorporación á rede urbana que non teñen asignado nome no rueiro, o que ocasiona evidentes complicacións tanto dun punto de vista estatístico como para o desenvolvemento da vida ordinaria dos habitantes destas novas rúas", explicaron dende o Goberno local á hora de xustificar a idoneidade desta iniciativa.
- Os enclaves de Sanxenxo incluídos neste plan son o treito que une as rúas Progreso e Ourense e a praza alí situada (onde está o supermercado Mercadona), o tramo no que conflúen as rúas Ramón Cabanillas e Coruña, e unha rúa paralela a esta, ademais dunha vía perpendicular á rúa Ourense agora designada co número sete.
- O documento a ditame contempla tamén nomear a praza dos Barcos e o Porto Deportivo Juan Carlos I, así como o camiño paralelo á avenida Pardo Bazán e á rúa de nova apertura na que desemboca.
- O equipo de Goberno pretende á súa vez que a rúa Miraflores chegue ata a estrada de Reis e ofrecer unha denominación para a vía que conduce ás dependencias da Policía Local e á que discorre paralela.
- A rúa perpendicular á avenida Luis Rocafort e a emprazada entre Rosalía de Castro e As Cunchas completan a relación de modificacións na vila sanxenxina.
- Pola súa banda, en Portonovo o Executivo aposta por cualificar doutro xeito ao tramo que culmina na estrada circunvalación, a unha rúa de nova apertura que une co vial de Adina, a aquel que conduce ao supermercado Supercor, ás vías dos PEI 2 e 3, ao Parque do Espiñeiro á zona da lonxa, os almacéns e o porto e á praza que hai entre A linde do Río e a Mariña.
- O Pleno da Corporación analizará así mesmo a denominación da vía da urbanización Tomada de Nantes no lugar da Igrexa, ás dos solo urbano 1 e 8 (Dorrón), á praza pública de Bordóns e á rúa e ámbito da Casa de Cultura de Adina.