![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/063/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MgJyq/Lzc52L8gt0zCwMdI_/_wNDHSSU/NKUot0SvILlKxrAQ==_/62878d4495-004.jpg)
© Concello de Pontevedra
Comezan en PonteSán as actividades para a mellora da saúde mental
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
PonteSán pon en marcha as súas actividades presumindo de ser o maior evento socio sanitario de Galicia. Esta terceira edición conta con corenta entidades que na Praza de España mostran as propostas destinadas a mellorar as nosas condicións de saúde e, en particular, a saúde mental, temática á que se dedica esta cita durante este 2022.
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e Tino Fernández, tenente de alcalde; Marcos Rey, concelleiro de Benestar Social, e a deputada provincial de Cohesión Social, Olga García Ballesteros percorreron os postos dos diversos colectivos e participaron no acto inaugural desta Feira da Saúde e o Benestar, que organiza a concellería de Deportes e Saúde. Tamén se sumaron outros concelleiros como Iván Pontes, Yoya Blanco, Guillermo Juncal e Silvia Junco. Durante a súa intervención, o concelleiro de Deportes e Saúde incidiu en que Pontevedra quere ser un referente neste tipo de eventos para reforzar a saúde da poboación.
A carpa permanecerá instalada ata o domingo 22 e nela, durante esta primeira xornada, estableceuse un punto de asesoramento e de información sobre saúde mental coa psicóloga sanitaria Marta Boquete, da asociación Alba. Ao longo destes días tamén se desenvolven charlas e relatorios participativas destinadas a mellorar unha xestión emocional.
Tamén se ofrecen, entre outras actividades, exhibicións de petanca, fútbol a pé, waterpolo na rúa, un taller de cociña saudable adaptada á enfermidade renal; outro de exercicios hipopresivos e un terceiro sobre a drenaxe linfática. Ao longo desta xornada tamén se tratará o suicidio nun relatorio de José Luis Buceta, enfermeiro especialista do Servizo de Psiquiatría da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés; unha mesa redonda sobre a importancia do deporte na saúde física e mental; ademais dunha conferencia sobre #o #estrés e as emocións desde a saúde mental a cargo do doutor Javier Vicente, médico psiquiatra.
III Feira da Saúde e o Benestar PonteSán
Desde o venres 20 ata o domingo 22 celébrase na Praza de España esta cita, dedicada nesta edición á saúde mental
© Concello de Pontevedra