O Goberno reparte 556 toneladas de alimentos na provincia para chegar a máis de 23.000 persoas en situación de vulnerabilidade
Por Redacción
A primeira fase do Programa de Axuda a Persoas Desfavorecidas 2022, que xestiona o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, reparte case 556 toneladas de alimentos na provincia de Pontevedra para chegar a 23.447 persoas en situación de vulnerabilidade. O valor económico destes produtos alimenticios ascende a 489.692 euros.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, acompañada da presidenta provincial da Cruz Vermella, María Teresa Álvarez, visitou este mércores o almacén desta organización internacional no polígono industrial do Campiño.
Segundo declarou Maica Larriba este reparto de alimnetos "é unha mostra máis do compromiso do Goberno co escudo social para non deixar a ninguén" e enmarcou nesta líña outras medidas tomadas durante a pandemia e a consecuencia da guerra en Ucraína.
O programa de axuda alimentaria desenvolverase en dúas fases nas que Pontevedra alcanzará unhas 1.200 toneladas de alimentos repartidas. Os produtos alimenticios adquiridos son de carácter básico, variados, nutritivos, pouco perecedoiros, de fácil transporte e almacenamento.
Cruz Vermella e o Banco de Alimentos son os dous centros de distribución da provincia. Ámbalas dúas institucións, xunto a outras 134 entidades colaboradoras, son as encargadas de facer chegar os alimentos ás persoas con menos recursos.