David Regades considera unha boa nova a presidencia de Rueda porque é "un especialista en perder eleccións"
Por Redacción
O Comité Executivo Provincial do PSdeG-PSOE celebrou a súa primeira xuntanza ordinaria, despois do 4º Congreso Provincial que revalidou o liderado de David Regades, facendo unha valoración da chegada de Alfonso Rueda á Presidencia da Xunta de Galicia.
"Estamos contentos con esta interinidade de Rueda porque vémola como unha boa nova, como o preámbulo da chegada dun presidente ou presidenta socialista á Xunta de Galicia. Hoxe comeza a conta atrás", dixo Regades.
Durante a xuntanza da Executiva socialista, celebrada en Raxó, Regades recordou que Rueda chega cunha pesada "mochila" ao despacho presidencial da Xunta. Así lembrou que hai 6 anos recibiu a encomenda de Feijoo de dirixir o PP provincial "para recuperar a Deputación de Pontevedra, e neste tempo tan só acumulou fracaso tras fracaso, tanto na Deputación como nos concellos, incluídas as cidades".
"Agora Feijoo faille unha nova encomenda e, diante da traxectoria de Rueda, todo indica que vai ser un presidente efémero", engadiu o socialista.
O Comité Provincial deseñou esta sábado a estratexia de cara aos comicios municipais da primavera de 2023. "Sentímonos fortes para gañar máis alcaldías e seguir incrementando a brecha co Partido Popular e dicímolo dende a provincia na que estamos acostumados a gañarlle a Rueda votación tras votación", subliñou. "O socialismo goberna", detallou Regades, "a unhas 600.000 persoas dende os concellos e o PP a pouco máis de 180.000; ese é o legado de Rueda".
David Regades tamén aproveitou para lembrar que "o PP tan só goberna a Deputación de Ourense e están en claro risco de perdela".
Finalmente, o secretario xeral dos socialistas pontevedreses fíxolle ao novo presidente "interino" da Xunta a recomendación de "que non trate de blanquear o seu currículum agochando que traballou como asesor de Rafael Louzán en calidade de persoal de confianza na Deputación de Pontevedra durante o período máis escuro do PP".