Ernesto Filgueira traslada a Cubela as queixas veciñais sobre a recollida selectiva de lixo e compostaxe
Por Redacción
Durante as últimas semanas, Ernesto Filgueira, portavoz municipal do BNG, mantiña reunións con entidades sociais e veciñais de Cerdedo-Cotobade e recollía como queixa común a deficiente eficacia do servizo de recollida de residuos.
Indica que esta recollida realízase de maneira "deficiente" e "desigual" en distintos puntos das parroquias do municipio. Entre as denuncias máis habituais atópase a falta de limpeza dos contedores; a distribución afastada que dificulta a recollida selectiva; e a falta de illas de recollida selectiva dotadas de todos os depósitos necesarios.
O representante nacionalista lamenta que a implantación da compostaxe no municipio deixe moito que desexar, segundo afirma e alerta de que non se trata só de cumprir coa lei, senón de mellorar o medio natural, un dos "grandes valores do noso Concello".
Lembra que o goberno local sumouse ao Plan Revitaliza que impulsa a Deputación de Pontevedra no ano 2018, tres anos máis tarde de que se iniciase. Con todo, segundo Ernesto Filgueira, Cerdedo-Cotobade é un dos concellos da provincia que vai máis lento na extensión da compostaxe. Denuncia que só conta cun centro de compostaxe comunitaria na parroquia de Tenorio, que se atopa asociado ao colexio e non funciona. Manifesta tamén que os composteiros individuais, cedidos pola Xunta, que foron repartidos entre os residentes hai anos non tiveron seguimento desde o goberno local.
O BNG demanda a redacción dun estudo municipal que planifique a instalación das illas de contedores de recollida selectiva nas parroquias e optimice esta recollida de residuos nun prazo de tres meses. A partir dese estudo, os nacionalistas entenden que se deberían construír as illas de depósitos de reciclaxe antes de que finalice este ano. Tamén reclaman campañas de limpeza e higienización dos contedores, do mesmo xeito que propón cursos de formación e entrega de composteiros individuais no caso de que sexa preciso entre a poboación.
Relacionadas:
-
Viascón leva máis dunha semana sen telefonía e internet e Movistar non resolve o problema
Por Redacción |
-
A Deputación garante a "xestión segura" dos centros comunitarios de compostaxe
Por Redacción |
-
Todos os concellos do Plan Revitaliza estrearán en 2020 composteiros comunitarios e individuais
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade pon en marcha o seu terceiro centro de compostaxe municipal na residencia de maiores
Por Redacción |