Absolven un mozo de 21 anos acusado de abusar dunha nena de 14 á que coñeceu por Instagram
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra absolveu a un home acusado de abusar dunha menor á que coñeceu pola rede social Instagram. No momento dos feitos, en 2019, o sospeitoso tiña 21 anos e a nena, 14.
O tribunal relata na sentenza que tiveron unha relación sentimental, durante a cal mantiveron relacións sexuais "libres e voluntariamente aceptadas pola menor, polo menos en dúas ocasións". Ademais, destaca que o acusado e a adolescente presentan "similar grao de madurez para determinarse no ámbito sexual".
"Non consta acreditado que o acusado contactase a través das redes sociais coa menor enganándoa coa intención de manter relacións sexuais con ela, nin que o acusado solicitase á menor a remisión de fotos íntimas", salientan os maxistrados na sentenza.
O tribunal sinala que, de acordo co resultado da proba practicada, procede a aplicación da cláusula de exención de responsabilidade penal prevista no Código Penal que indica que: "O consentimento libre do menor de 16 anos excluirá a responsabilidade penal polos delitos previstos neste capítulo cando o autor sexa unha persoa próxima ao menor por idade e grao de desenvolvemento ou madurez". Iso require, segundo sinalan os xuíces, "por unha banda, que se acredite unha decisión libre da menor de 16 anos; e, por outra, que non existan diferenzas relevantes en canto á idade e desenvolvemento e madurez".
"As declaracións do acusado e da menor son enteiramente coincidentes en canto á existencia do consentimento nas súas relacións, referindo ambos que se coñeceron a través das redes sociais e que, posteriormente, mantiveron unha relación de noivado que se interrompeu cando foron sorprendidos polo pai da menor", afirma o tribunal na resolución.
Nela subliñan que, a pesar da idade da menor, "ningún dato existe que permita concluír que o consentimento estivese viciado ou que as facultades da menor se atopasen anuladas, diminuídas ou afectadas dalgunha maneira relevante, ou que concorrese algunha circunstancia que lle impedise outorgar o consentimento de maneira libre e voluntaria".
Ademais, recalca que "tampouco consta que tal consentimento estivese viciado pola superioridade ou influencia exercida polo acusado sobre a menor, que non mostra, por outra banda, ningún indicio de temor cara ao acusado polo descoñecemento da súa idade".
Os xuíces afirman que existe "semellanza en canto ao desenvolvemento e madurez de ambos, non só polo aspecto físico do acusado e da menor", senón polo informe pericial psicolóxico realizado polos psicólogos do Imelga, que conclúe que ambos "presentan similar grao de madurez para determinarse no ámbito sexual".