UGT denuncia o abuso da empresa de limpeza Urbaser tras despedir catro traballadores en Barro
Por Redacción
"A mi me sale barato despediros con un despido improcedente y así que os váis a la calle", desta forma di Carlos Corredoira de UGT que se presentou o representante do servizo de limpeza Urbaser ante os traballadores do servizo de reciclaxe que traballaban no Concello de Barro. Estes empregados tiñan un contrato por horas e viñan desenvolvendo o seu traballo coa anterior empresa adxudicataria do servizo, Residuos Ambientais, dende hai aproximadamente oito anos. Segundo denuncian dende UGT, a empresa para aforrar custos xa non asume a subrogación á que está obrigado por normativa e despide aos catro traballadores que contaban con soldos inferiores aos 425 euros.
Carlos Corredoira indicou que sospeitan que Urbaser recorra agora ao servizo que esta empresa ten en Soutomaior "farán máis horas e trasladaranos dende alí". Segundo apuntaba Ramón Vidal, secretario comarcal do sindicato, esta práctica prodúcese en empresas de tamaño medio e grande que asumen adxudicacións de servizos e, a continuación, despiden os traballadores. Vidal relacionaba esta situación coa reforma laboral.
Corredoira sospeita que agora coa adxudicación da recollida de reciclaxe no Grove poida volver pasar esta mesma situación e aos mesmos traballadores que foron despedidos en Barro porque tamén viñan exercendo este labor no concello grovense.
Segundo sinalan os dirixentes sindicais, estas empresas que, normalmente, se encontran vinculadas ao sector da construción continúan obtendo beneficios a custa de establecer condicións laborais máis duras ao seu persoal.
Por este motivo, UGT reclama das administracións que no momento das adxudicacións se teña en conta o futuro dos traballadores que prestan o servizo.