Pontevedra creará un centro de interpretación da auga con fondos Next Generation
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
Un espazo que sirva de base para a divulgación e a sensibilización sobre a auga. É un dos proxectos que Pontevedra presentará á convocatoria dos fondos europeos Next Generation que o Goberno reserva para actuacións de mellora na xestión do abastecemento de auga.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, destacou que este será un dos proxectos "máis ilusionantes" do que resta de mandato.
Para albergar este centro, desde o Concello xa se está a traballar na rehabilitación dun equipamento físico para acoller estas actividades de divulgación.
Pendentes de concretar a localización, Gulías adiantou que "onde máis nos prestaría é nunha zona moi preto dun río", pero os técnicos están analizando a cualificación urbanística dos terreos para ver se é posible acometer unha reforma de ampliación.
Sexa como sexa, engadiu, o centro irá adiante porque o Concello "ten un plan B".
Neste inmoble, o Concello centralizará ademais todas as ferramentas tecnolóxicas que, tamén no marco destas axudas europeas, se prevén incorporar ao sistema de xestión da auga.
Así, Pontevedra e a empresa Viaqua traballan na dixitalización dos consumos, de xeito que se teña unha nova fonte de información que permita consultas en liña 24 horas, sete días á semana, do consumo cidadán e municipal.
Este sistema, segundo explicou a edil do BNG, permitirá detectar fugas no servizo, controlar potenciais accións fraudulentas ou mellorar o abastecemento a hospitais ou colexios.
Ao mesmo tempo que traballa nestas melloras, o Concello destaca a "excelencia" que xa alcanza o servizo municipal de augas que, segundo datos oficiais do propio sector, aproveita o 91,11% da auga que capta, moi por riba do 80% da media estatal.
A auga non rexistrada, que agrupa a que se perde en fugas, a que abastece fontes públicas ou a que se rouba mediante fraudes, apenas supón o 8,9% do total, cando a media en España estaría no entorno do 20% ou de case o 30% en cidades de similar tamaño a Pontevedra.