Multitude de propostas para non quedar na casa e recuperar os hábitos saudables
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este venres a campaña "Na casa non quedo", para animar a toda a poboación da provincia para poñerse ao lado dos hábitos de vida saudables.
Segundo explicou en rolda de prensa Carmela Silva, a administración provincial distribuirá 4.500 camisetas e chalecos rotulados con ese lema que se comezarán a repartir entre as persoas participantes en distintas actividades ao aire libre organizadas pola Deputación nos ámbitos do deporte, do medio ambiente, da cultura ou da convivencia.
Unha vez eliminadas as restricións orixinadas pola pandemia, "con esta campaña, queremos facer un chamamento para que a xente salga dos seus fogares, goce do aire libre e realice actividades", manifestou Carmela Silva, "animamos á cidadanía a que coñeza a provincia con alegría".
"Animamos a xente para abandonar hábitos nocivos e a ocupar o espazo público gozando dos recursos da provincia. Animamos á xente a non quedar na casa e a recuperar a normalidade", insistiu a mandataria socialista.
Os primeiros chalecos amarelos reflectores, "que tamén inciden na seguridade" ao facer máis visibles ás persoas que os porten cando se realizan actividades nocturnas, serán distribuídos nas Depoandainas (800), DepoRutas BTT (600), Depo Orienta (600) e Depo Auga (180).
As camisetas chegarán nun primeiro momento ás persoas que participen nos Bosques terapéuticos (700), nos Roteiros literarios e nas de Arquitectura (350) e nos roteiros ornitolóxicos de Voando nas Rías Baixas (100). Posteriormente iranse ampliando a outras actividades.
Relacionadas:
-
Aberto o prazo de inscrición para a ruta en caiac de "Depo auga" na Illa de Arousa
Por Redacción |
-
A Deputación de Pontevedra presenta os programas culturais "Tras as ameas" e "Bailando a Terra"
Por Oskar Viéitez |
-
Presentada a programación deportiva da Deputación entre xuño e setembro
Por Oskar Viéitez |