Marín terá dúas aulas da natureza nas barriadas da Virxe do Carme e na de Mogor
Por Redacción
Marín contará a curto prazo con dúas aulas da natureza. Ambas estarán situadas en dous parques infantís do municipio, en barrios que, segundo o Concello, contan cunha presencia "importante" de nenos e onde os veciños as demandaran "en sucesivas ocasións". Trátase da barriada Virxe do Carme e da barriada de Mogor. Námbalas dúas actuacións, a Xunta de Galicia investirá uns 32.000 euros.
No caso do parque infantil da Virxe do Carme, "una zona moi apta para realizar esta función", tal e como di o goberno local, acondicionarase esta zona ampla con superficies adecuadas e de céspede artificial contando cuns paneis educativos que ilustrarán o fin que se pretende con esta ubicación.
Tamén o parque infantil de Mogor, que ata o de agora non tiña unha base adecuada para os máis novos, contará tamén con céspede artificial e cunha superficie amortiguadora "que facilitará o seu uso polos nenos que se acerquen a disfrutar destes espacios ó aire libre", asegura a alcaldesa, María Ramallo, que asinará o convenio coa Consellería de Presidencia esta mesma semana.
"Desde o Concello valoramos moi positivamente estas actuacións que se iniciarán coa maior brevidade e que estarán finalizadas antes de final de ano", explicou María Ramallo. O goberno local cre que ambas as dúas aulas da natureza poderán estar disponibles "se o tempo o permite" de cara ao próximo Nadal.