Novo local provisional para os xubilados de Vilalonga
Por Redacción
A Asociación de Xubilados de Vilalonga retoma a súa actividade social nun novo local provisional moi próximo ao centro da vila.
O local conta cunha superficie de 272 metros cadrados distribuídos nun espazo de cafetería, un amplo salón, dous baños adaptados, unha cociña e un almacén. Ten dúas entradas totalmente accesibles e unha pequena terraza.
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e o presidente do colectivo, Valentín Bouzada, visitaron esta mañá as novas instalacións, anteriormente dedicadas á hostalería, acompañados do concelleiro de Servizos Sociais, Daniel Arosa; a concelleira de Cultura, Paz Lago; e o edil de Seguridade Cidadá, Jaime Leiro.
O Concello de Sanxenxo asinará en breve un convenio de colaboración co colectivo para colaborar cos gastos e actividades.
Valentín Bouzada explicou que a volta á normalidade da asociación será este sábado 23 de abril ás 19 horas cun petisco inaugural e unha sesión de baile a cargo do Trío Azabache. "Despois de moito buscar atopamos este local que nos parece que está ben para algo temporal como é o caso", sinalaba o presidente da Asociación de Xubilados de Vilalonga. A histórica asociación conta con preto de 300 socios que Bouzada confía en que se vaian animando, aos poucos, a volver ás actividades que se vaian organizando.
Pola súa banda, o alcalde de Sanxenxo apuntaba que esta sede provisional "está moi ben ubicada e é totalmente accesible, os socios poderán estará aquí comodamente mentras non se constrúe a sede definitiva que temos proxectada xa no antiguo colexio do Cruceiro".
A previsión é que nun prazo de dous anos, a nova sede estea xa lista. Neste sentido, Telmo Martín avanzaba que "vamos solicitar unha axuda a Europa que sufragaría a obra por completo e senon nola conceden farémola con fondos propios".