O BNG esixe no Parlamento a reapertura dos consultorios médicos pechados desde o inicio da pandemia
Por Redacción
A portavoz de Sanidade do Bloque Nacionalista Galego, Monserrat Prado, esixiu este xoves á Xunta no Parlamento de Galicia que reabra os consultorios médicos pechados desde o inicio da pandemia.
Entre a lista de centros afectados e que continúan sen actividade atópanse os consultorios de Paradela en Meis, Vilaxoán en Vilagarcía de Arousa ou o de Santa Cristina de Cobres en Vilaboa.
Segundo recalcou a deputada nunha pregunta parlamentaria "ademais de non ter ningunha xustificación máis que o recorte sanitario", este peche está a causar prexuízos económicos e de mobilidade a miles de galegos e galegas afectadas polos recortes na Atención Primaria.
"Persoas obrigadas a desprazarse a outros consultorios cando unha parte moi importante delas superan os 60 anos, adoitan non conducir e carecen de transporte público polo que se vén obrigadas a depender doutras persoas ou a pagar taxis cando en Galiza temos", explicou na súa argumentación Prado.
"Non son consultorios residuais", defendeu a portavoz nacionalista sinalando que prestan atención sanitaria a poboacións que, como no caso de Vilaxoán, superan as 1.000 persoas ou as 3.000 de Cabo de Cruz, en Boiro.
A xuízo da portavoz sanitaria do BNG esta medida foi tomada de maneira excepcional, segundo alegou no seu momento o Sergas, co obxectivo de articular medidas preventivas para evitar a propagación da covid, pero está a ser aproveitada para proceder ao peche definitivo de consultorios.