Alumnado do Sánchez Cantón probará no mar un sistema de localización de barcos deseñado por eles mesmos
Por Redacción
Alumnos do IES Sánchez Cantón poñerán a proba un sistema de localización de barcos deseñado por eles mesmos este venres na ría de Pontevedra.
Partindo desde o peirao de Corbaceiras, a práctica consistirá en medir dous ángulos horizontais e, usando o método de arco capaz, determinar a posición na que se atope o barco. O método que usarán é un dos métodos de localización dunha embarcación que se utilizaba de forma habitual no pasado e que se segue usado hoxe en día.
Realízase nas proximidades da costa e consiste determinar dous ángulos horizontais que forman tres puntos visibles na costa. Os puntos e os ángulos trasládanse a unha carta náutica e, trazando liñas e arcos de circunferencia, localízase a posición do barco na carta.
Unha forma habitual de medir os dous ángulos horizontais é usar un sextante, instrumento que representou no seu momento o fin da evolución no proceso de creación de instrumentos de medida de ángulos necesarios para navegar. No caso dos alumnos, usarán sextantes deseñados e reproducidos no Instituto e que posúen un grao de apreciación que chega aos 3 minutos de grao.
Ademais, outro grupo de estudantes construíu unha corredera de barquilla coa que medirán a velocidade do barco durante a travesía. A corredera de barquilla é un instrumento que se utilizou durante varios séculos e que permite medir a velocidade do barco mediante un sistema que axusta a un obxecto que flota unha corda nós separados a unha distancia concreta. Por iso é polo que a forma de medir a velocidade das embarcacións sexan os nós: un nó representa percorrer unha milla náutica nunha hora ou, o que é o mesmo, un minuto de arco de meridiano nunha hora.
O obxectivo desta experiencia é o de, ademais de ilustrar como o coñecemento científico permite resolver problemas prácticos complexos, que os alumnos comprendan as repercusións que tivo e ten o avance científico na evolución histórica e o progreso económico do ser humano.
O sextante permitiu determinar ángulos de elevación de corpos celestes cun grao de exactitude que permite unha boa localización do barco, tamén foron usados nas exploracións aos polos e outros lugares. Nese caso e ante a carencia dunha liña de horizonte visible, os exploradores utilizaban o sextante cun horizonte artificial.
Os sextantes que usarán os alumnos non se crearon e reproduciron no Instituto para realizar este tipo de prácticas de navegación senón como forma de dispoñer dun instrumento de medida de ángulos para ser usados nas clases de matemáticas, fundamentalmente en trigonometría.
Crear e reproducir os sextantes no Instituto representou un proceso prolongado no tempo e que conlevou a xeración dun total de 4 prototipos diferentes. En cada prototipo introducíronse melloras nas características do sextante. Os deseños das pezas do sextante realizáronse nun programa de deseño 3D e imprimíronse nunha impresora 3D de filamento. As reproducións das pezas realizáronse en resina de poliuretano mediante a técnica de coada en moldes de silicona.