Inquedanza no sector mexilloeiro ante o gran número de bateas sen cría
Por Redacción
A organización Opmega denuncia a situación que atravesa o sector mexilloeiro. Asegura que cada día empeora o panorama debido á falta de cría nas bateas. Lamentan que se vetaron de forma unilateral por parte da Xunta de Galicia unhas zonas historicamente abertas para a extracción, sen ter en conta os informes técnicos presentados polo sector.
Tras a manifestación que os produtores do mexillón convocaron en Santiago de Compostela, Rosa Quintana, conselleira do Mar, mantivera unha reunión cos representantes das asociacións que forman a Agrupación industrial. Segundo Opmega nese encontro adquiríronse compromisos por parte da Xunta de Galicia que aínda seguen sen cumprirse pasados xa sete días.
Carlos Gabín Sánchez, director do Centro de Investigacións Mariñas, anunciou que persoal técnico do organismo visitaría algunhas das zonas que agora se marcaron como prohibidas para confirmar a existencia de cría e, unha vez revisado, abrilas de forma inmediata para paliar a situación que atravesan algúns produtores, segundo indican desde a organización mexilloeira. Entre esas zonas atopábanse Sanxenxo, Baiona e Aguiño.
O sector denuncia que nas últimas xornadas se agrava o escenario co perigo que supón para acometer a campaña do mexillón e acusan á administración autonómica de "inacción".
Urxen a que a consellería de Rosa Quintana adopte decisións. No caso de que non se produzan anuncian que manterán unha reunión para acordar novas accións de protesta.