Avanzan no deseño dun sistema para predicir en tempo real as mareas vermellas nas Rías Baixas
Por Redacción
Cando nas rías galegas aparece unha marea vermella, as bateas pechan de inmediato e non poden reabrir ata que o mexillón volva a ser apto para o seu consumo. De aí que a existencia de ferramentas que poidan predicir a súa chegada sería un elemento clave para o sector.
Niso está a traballar o enxeñeiro Francisco Bellas, que na súa tese de doutoramento está a avanzar no deseño dun sistema que permitiría prognosticar, practicamente en tempo real, a chegada desta marea tóxica provocada por microalgas e bacterias.
A investigación está a dar os seus froitos e, actualmente, xa conseguiu crear un sistema de predición das floracións destas microalgas, "tanto a unha semana vista como no propio día", segundo o seu responsable, que destaca que ten un acerto dun 70%.
"Se somos capaces de prever a aparición dunha marea vermella podemos levar o mexillón a unha zona limpa, sacalo á depuradora ou, simplemente, inmobilizalo en batea", afirma Bellas.
Este sistema reduciría tanto as perdas económicas que poden causar estas mareas como os problemas de saúde derivados da inxestión de toxinas, que poden ir desde simples diarreas a cuestións máis serias como parálise ou procesos amnésicos.
Para iso, este enxeñeiro está a probar con éxito algoritmos que nunca foran aplicados a este campo. Ademais, engadiu aos estudios novas variables ao sistema de predición como nutrientes, niveis de clorofila e variacións de temperatura, coas que se melloran os resultados.
O traballo desenvolveuse no marco do proxecto europeo CoastObs, enfocado no desenvolvemento de produtos innovadores baseados en teledetección e datos ambientais para a monitorización de ecosistemas costeiros en diferentes zonas.
Para a súa posta en marcha o investigador baseouse nos datos facilitados tanto polo Intecmar como por Puertos del Estado ao longo das últimas décadas.
De cara a conseguir ese sistema de predición a medio prazo, o investigador salienta que é algo "perfectamente viable", xa que hoxe en día xa se pode dispor deses datos en tempo real.
O proxecto, con todo, agora mesmo está parado por motivos económicos e temporais, recoñece o seu creador, que asegura que para que o sistema se poida poñer en marcha fai falta investimento en recursos materiais e humanos.