Un home falece ao golpealo unha embarcación mentres nadaba en Silgar
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/658/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/601977d81d-20210202-detenido-sanxenxo.jpg)
© Guardia Civil de Pontevedra
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/833/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6259ba0a04-whatsapp-image-2022-04-15-at-8.16.26-pm.jpeg)
© Concello de Sanxenxo
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/342/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6259bae64c-whatsapp-image-2022-04-15-at-8.16.27-pm.jpeg)
© Concello de Sanxenxo
A Garda Civil mantén aberta unha investigación para esclarecer a morte dun home mentres nadaba na praia de Silgar, en Sanxenxo. Segundo as primeiras investigacións solicitadas, presuntamente faleceu ao pasarlle por encima unha embarcación que non o viu na auga.
Todo ocorreu ao redor das 18.00 horas deste venres. A Garda Civil tivo o primeiro aviso sobre as 18.05 horas e unha patrulla desprazouse ao lugar.
O home, veciño da Coruña, tiña 59 anos e ía nadando acompañado por outra persoa cando foi golpeado pola embarcación. Mentres el faleceu no acto, segundo a información facilitada polo Concello de Sanxenxo, o seu compañeiro resultou ileso.
O incidente produciuse na zona de baño da praia de Silgar, segundo confirmou o Concello. Trátase dunha zona que durante o verán adoita estar sinalizada para separar con boias a área de baño da reservada para o paso de embarcacións. Con todo, a estas alturas do ano, a zona aínda non está sinalizada.
Varias persoas particulares alertaron ao 112 Galicia do suceso e desde a central púxose a situación en coñecemento de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia, que mobilizou o helicóptero Pesca I.
Ademais, requiriuse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil e do GES de Sanxenxo.
Segundo a información recollida no 112 Galicia, unha embarcación particular recolleu á persoa e trasladouna ao porto de Sanxenxo, onde os servizos médicos desprazados só puideron confirmar o seu falecemento.
A Garda Civil realiza aínda as primeira investigacións sobre o incidente, que causou gran balbordo na praia e o paso de Silgar, moi concorrido este día festivo a media tarde. Segundo fontes oficiais, sobre as 21.00 horas procedeuse ao levantamento do cadáver.
O seguinte paso da investigación pasará necesariamente por realizar un informe exhaustivo da forma na que se produciu o contacto entre o bañista e a embarcación, que, segundo as primeiras informacións, é unha nave de alta velocidade para competicións.
Segundo fontes da investigación, a persoa falecida é Juan Manuel Tábara Rodríguez, especialista en cirurxía intraocular que durante os últimos anos traballaba nunha clínica privada despois de obter a praza no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.