Unha discusión por unha praza de aparcamento que saíu cara: raia un coche e debe pagar 1.317 euros
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
Unha discusión motivada polo lugar de estacionamento dun vehículo saíulle cara a unha condutora no Grove. Tras discutir cun home, raioulle o coche, que estaba a nome da súa parella e agora foi condenada e debe pagar 1.317 euros.
Os feitos ocorreron na tarde do 30 de agosto do ano 2019 no barrio Gandarilla- Reboredo do Grove. A acusada, segundo consideraron probado dous órganos xudiciais distintos, danou un vehículo estacionado na zona que pertencía á parella dun home co que mantivera a citada discusión aproveitando que os seus propietarios estaban na praia.
O Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra e a sección cuarta da Audiencia Provincial despois consideraron probado que, tras manter a discusión, actuou "con ánimo de menoscabar o patrimonio alleo" e raiou o turismo Jeep Compass da outra muller.
A muller causou danos no vehículo cuxa reparación ascendeu á suma de 867,61 euros. O vehículo estaba asegurado a todo risco cunha franquía de 200 euros, de modo que a dona pagou a franquía e o resto asumiuno a compañía.
A sentenza condena á acusada para pagar un total de 1.317, 61 euros, dos cales 200 son en concepto de indemnización á dona do vehículo, 667,61 euros á compañía aseguradora e os outros 450 euros en concepto de multa.
En total, impóñenlle unha pena de dous meses e 15 días de multa a razón dunha cota diaria de 6 euros, facendo un total deses 450 euros. En caso de falta de pagamento, impoñeráselle un día de privación de liberdade por cada dúas cotas diarias de multa non satisfeitas.
Tras a condena polo Xulgado do Penal, a acusada recorreu apelando a que non se preservou a súa presunción de inocencia e á desproporción na determinación da contía da cota diaria de multa. A Audiencia desestimou o seu recurso e confirmou a condena argumentando que a conclusión do fallo previo foi "racional, lóxica e sen fisuras".
A sentenza fala dunha "serie plural de indicios, acreditados por proba directa" que xustifican a condena e considéraos "suficientes" para considerala culpable dun delito de danos. "Ningunha outra alternativa posible e distinta á autoría da recorrente despréndese do conxunto da proba practicada", conclúe a Audiencia.
A discusión, segundo recolle a resolución xudicial, produciuse polo lugar onde estaba estacionado o turismo logo danado. Previamente, o marido da dona dese vehículo pegara un cartel no portalón de entrada da casa na que traballaba a acusada dicindo que tiña dereito a aparcar alí e a procesada colleuno e colocouno no vehículo.
Os donos do outro coche fóronse ao a praia, a uns 30 ou 40 metros, tras a discusión e declararon que observaron como a acusada " merodeaba" polos arredores do vehículo, vendo algún deles que facía o ademán de raialo con algún obxecto que non puido ser identificado. Cando volveron subir ao lugar onde estaba aparcado, comprobaron como o vehículo tiña unha raiada desde a parte traseira ata a dianteira ao lado o condutor.
O tribunal provincial ve "razoable e lóxica" a conclusión de que a acusada fose a autora desa raiada, pois foi a persoa que se atopaba próxima ao vehículo e a que tiña motivo, sen que haxa noticia de que ningunha outra persoa estivese á beira do vehículo.