Recuperar os bicos perdidos mentres se apoia o comercio local
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Dous concelleiros pontevedreses, os titulares de Promoción Económica e Desenvolvemento Sostible, Yoya Blanco e Iván Puentes, ambos os do PSOE, selaron este mércores o seu afecto mutuo cun bico. Foi casto e na fazula, pero cheo de simbolismo para conmemorar o Día Internacional do Bico. Déronllo na carpa instalada polo Concello de Pontevedra para conmemorar esta xornada e, con el, quixeron animar á cidadanía para seguir o seu exemplo e compartir todas esas mostras de afecto que a pandemia da covid-19 leva impedindo os dous últimos anos.
O xesto simbólico produciuse na praza do hospital, no interior dunha carpa instalada polo Concello para animar á cidadanía para conmemorar esta data e, de paso, axudar a promocionar o comercio local.
E é que a campaña consiste en que unha fotógrafa profesional fará un bico a todas as persoas que se acheguen a esta carpa e presenten un ticket de compra do comercio local. Ademais, todas aquelas persoas que se acheguen entre as 11.00 e as 19.00 horas poderán utilizar un fotomatón especial instalado con formato de espello. Será un "espello máxico" do que sairá unha foto en papel que quedará como recordo para a posteridade.
Ese primeiro bico deullo Yoya Blanco ao seu compañeiro de partido e Corporación, Iván Puentes, e ambos quixeron animar á cidadanía a que "se faga neste día internacional do bico unha foto cos seus amores, fillos, fillas, parella, con quen queira".
A edil de Promoción Económica lembrou tamén que "hai moitos bicos que levamos moitos anos sen darnos e xa empezamos a poder darnos por fin". Se, de paso, se promociona o pequeno comercio, dobre obxectivo conseguido.
A carpa instalada diante da praza do hospital anima á cidadanía a bicarse máis cunha frase directa, "non deixes para mañá os bicos que poidas dar hoxe" e lembrando tamén os beneficios dun bico: tonifica os músculos faciais, sobe o nivel de hormonas da felicidade, diminúe a presión arterial, elimina as dores de cabeza, aumenta a autoestima, combate as caries, reduce o estrés e queima calorías.