Sete empresas optan a executar as obras na estrada entre Sanxenxo e Vilalonga
Por Redacción
A Xunta recibiu 7 ofertas de empresas para executar as obras de mellora da seguridade viaria na estrada de titularidade autonómica PO-504 entre Sanxenxo e Vilalonga, que suporán un investimento de 970.000 euros.
Trátase de actuar ao longo de 2 quilómetros desta vía autonómica co fin de eliminar un treito de concentración de accidentes ao seu paso polo municipio de Sanxenxo. O obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é iniciar as obras a finais do verán. Os traballos contan cun prazo de execución de doce meses.
A intervención prevé a renovación de cinco interseccións na PO-504, entre o lugar do Vinquiño, e o inicio da parroquia de San Tomé de Gondar.
Entre as principais intervencións que se van executar inclúese a construción dunha glorieta na intersección co Camiño ao Santo, que ademais de ordenar os propios movementos das vías coas que entronca, permitirá o cambio de sentido dos vehículos.
A actuación prevé a execución de novas beirarrúas nos treitos de mellora das interseccións, a adecuación da drenaxe existente ao novo deseño e a reposición dos servizos e sumidoiros afectados. Tamén se mellorarán as paradas de autobús e redeseñarase a sinalización horizontal e vertical de todo o treito.
En paralelo a esta obra, a Xunta licitou este xoves, día 7 de abril, as obras de acondicionamento das beirarrúas neste ámbito da estrada PO-504, de modo que a esta mellora da seguridade viaria se lle suma tamén a mellora da accesibilidade peonil, cun investimento adicional de preto de 223.000 euros. A actuación prevé distintas intervencións encamiñadas a mellorar a mobilidade a pé e a seguridade viaria ao longo da estrada PO-504.
Estas dúas intervención do departamento que dirixe Ethel Vázquez acometerase de xeito simultáneo, superando en total 1 millón de euros de investimento nesta vía autonómica.
Relacionadas:
-
Setembro será o mes de inicio das obras na PO-504 en Sanxenxo
Por Redacción |
-
As novas beirarrúas na PO-504, entre Sanxenxo e Vilalonga, comezarán a construírse en setembro
Por Redacción |
-
818.000 euros para mellorar a seguridade nun tramo de concentración de accidentes entre Sanxenxo e Vilalonga
Por Redacción |
-
A Xunta destina 970.000 euros a mellorar a seguridade viaria da PO-504 entre Sanxenxo e Vilalonga
Por Redacción |