A Xunta prevé comezar no 2014 as obras de ampliación do Hospital do Salnés
Por Redacción
As obras de ampliación do Hospital do Salnés comezarán no 2014. ÿ o obxectivo que se marca a Xunta de Galicia. Así o anunciou este xoves o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo. O Consello da Xunta aprobou a cesión gratuíta feita pola Mancomunidade do Salnés da superficie necesaria para poder licitar estes traballos.
Trátase dunha parcela de 2.500 metros cadrados coa que se dá un novo impulso á tramitación dun dos principais compromisos do Goberno galego no eido das infraestruturas sanitarias públicas, e que constitúe, dixo Núñez Feijóo, tamén "unha mostra máis da cooperación entre administracións públicas, de poñer á disposición chan para as grandes infraestruturas públicas, neste caso sanitarias, que nos permiten modernizar o Hospital Público do Salnés e cumprir o compromiso de ampliar ese hospital en plena crise económica".
Para cumplir con este prazo, a Xunta de Galicia licitará a obra no primeiro semestre do ano 2014. Así, abondou o presidente, antes de que remate este mes, todo o proxecto de ampliación do Hospital do Salnés seralles presentado tanto aos profesionais do hospital como aos alcaldes da Mancomunidade do Salnés. "Adquirida a parcela, explicado o proxecto, no primeiro semestre do ano 2014 licitaremos a ampliación deste hospital público", incidiu.
"Estamos, en consecuencia, tentando cumprir a folla de ruta coa sanidade pública de Galicia: rematado o Hospital de Lugo na anterior lexislatura; en obras e en plena execución para rematar nesta lexislatura o Hospital público de Vigo; en tramitación o Hospital de Pontevedra; preto de finalización a ampliación de Urxencias do Hospital da Coruña; en fase de adxudicación a ampliación do Hospital Público de Ourense; iniciados os trámites para a ampliación do Hospital da Costa; e hoxe damos o visto e prace ao solo que nos vai permitir licitar no primeiro semestre a ampliación do Hospital do Salnés", concluíu Feijóo.