Dúas persoas feridas nunha colisión frontal entre dous coches en Briallos
Por Oskar Viéitez
Dúas persoas resultaron feridas ao bater de xeito frontal dous turismos, un Peugeot 407 e un Fiat Stilo, na parroquia de Briallos, á altura do punto quilométrico 103 da estrada N-550, no Concello de Portas.
Segundo a información recollida no 112 Galicia, os servizos de emerxencia desprazados utilizaron o material para liberar a unha das persoas feridas no accidente.
Unha vez accesible, a vítima foi atendida por un equipo médico, que trasladouna ao centro hospitalario de referencia. Ademais, a outra persoa que necesitou asistencia tamén tivo que ser evacuada polos servizos sanitarios. Ambas persoas eran os condutores e únicos ocupantes dos vehículos sinistrados.
O accidente produciuse ao fío das cinco desta tarde. O 112 Galicia recibía a alerta dos feitos a esa hora, a través de varias persoas particulares.
Desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vilagarcía e de Ribadumia, da Garda Civil de Tráfico e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Portas. Ademais, informouse aos voluntarios de Protección Civil de Cuntis, que tamén colaboraron no operativo, e aos Bombeiros de Pontevedra.