Concurso de fotografía en Instagram na Semana da Creatividade e da Innovación do campus
Por Redacción
A Vicerreitoría pon en marcha co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo unha nova edición da Semana da Creatividade e da Innovación no campus entre o 18 e o 22 de abril. Unha cita que contará con talleres sobre limpeza ecolóxica, mesa redonda sobre emprendemento e sustentabilidade, un concurso de fotografía en Instagram ou unha nova entrega dos Premios CREA, co foco das iniciativas centrado na preservación do medio ambiente, segundo recolle o DUVI.
As actividades comezarán o luns 18 na Escola de Enxeñaría Forestal co obradoiro Limpeza ecolóxica no que se elaborarán xabóns de maneira artesanal e analizaranse actuacións para acometer no ámbito doméstico. Ao longo do día 19 realizarase unha actividade para mellorar a contorna con consellos ecolóxicos para o mantemento de hortas e xardíns, ademais da elaboración de niños para andoriñas e a realización de elementos que eviten o impacto das aves contra as xanelas. As dúas sesións serán impartidas polo biólogo e educador ambiental Manuel Domínguez. A inscrición manterase aberta ata o martes 12 no correo electrónico dir.crea.po@uvigo.es. O centro tamén acollerá unha mostra sobre sustentabilidade con actividades diarias que axudan a coidar o medio ambiente.
O mércores 20 e o venres 22 impartirase na Facultade de Belas Artes un taller sobre cerámica a cargo de Teresa Pece, que explicará o potencial deste elemento para reducir o uso de plástico en materiais de uso cotián. As persoas interesadas pódense apuntar ata o 12 de abril a través de xnaxcdba01@uvigo.es
O xoves 21, entre as 09.00 e as 12.00 horas, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte está prevista unha actividade de arte colaborativa coa temática centrada no coidado ambiental.
A mesa redonda titulada 'Emprendendo cos pés na terra' na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte ofrecerá unha análise con especialistas sobre experiencias de empresas ligadas a unha xestión sostible. Ao final, sobre as 12.30 horas está previsto unha actividade para probar bicicletas elaboradas con materiais respectuosos coa natureza.
Dentro da programación tamén se pon en marcha un concurso de fotografía en Instagram para fomentar a creatividade. Ata o 22 de marzo, as persoas maiores de 13 anos que queiran participar deberán rexistrarse no formulario web para compartir despois co cancelo #creaS2i2022 aquelas imaxes que relacións con innovación e creatividade. Establécense tres premios consistentes en cheques por valor de 200, 150 e 100 euros para material formativo e educativo.
A programación tamén acolle a segunda edición dos Premios CREA Cratividade e Innovación, dirixido a obras realizadas por alumnado de polo menos dous dos ámbitos de coñecemento englobados no proxecto de especialización do Campus Crea. As propostas poden presentarse ata o 29 de abril. Os premios son de 500, 1.000 e 1.500 euros
Relacionadas:
-
Oito premios para pór en valor a creatividade e capacidade de innovación do alumnado
Por Redacción |
-
Carmen Lence participará nas actividades de Culturkata no Campus de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Encontros, obradoiros e xornadas formativas para impulsar o Campus Crea
Por Redacción |
-
Actividades para fomentar a creatividade e innovación universitaria
Por Raquel Currás Martínez |