Tres detidos por agredir a dous policías cando pretendían identificar dous deles
Por Natalia Puga
Tres persoas acabaron detidas e outras dúas resultaron feridas na mañá deste mércores nun incidente iniciado na contorna do centro Rexurdir da rúa Cruceiro, na zona da rúa A Barca de Pontevedra.
A orixe do incidente foi unha intervención policial e as dúas persoas que resultaron feridas foron dous axentes da Policía Nacional que acudiron a este centro para realizar unha identificación. Ambos os policías acudían ao lugar vestidos de paisano e requiriron logo atención médica tras recibir patadas, empuxóns e puñadas por parte dos agora detidos.
Fuentes oficiais da Comisaría Provincial indicaron que dous policías da Brigada de Policía Xudicial acudiron a este centro da asociación de axuda a persoas en situación de vulnerabilidade, risco e exclusión social Rexurdir ao ter coñecemento de que alí se atopaban dous homes sobre os que pesaban reclamacións xudiciais por outros delitos.
Á chegada dos axentes, e cando pretendían identificalos, os dous aludidos empezaron a agredirlles e, xusto despois, uniuse á agresión unha terceira persoa que se atopaba no lugar.
Finalmente, pediuse un reforzo, desprazáronse ao lugar varias patrullas rotuladas da Policía Nacional, que procederon á detención dos tres supostos agresores, como presuntos autores dun delito de lesións.
Todo ocorreu pasadas as 11.30 horas da mañá deste mércores e testemuñas presenciais explicaron que se viron patadas, empuxóns e puñadas e que en todo momento a actuación policial resultou "correcta" e proporcionada, pero os tres agresores atacaron aos policías.