Todos os servizos municipais para colectivos vulnerables, a golpe de click
Por Redacción
O Concello de Pontevedra estrea este mércores un novo espazo web específico da Concellería de Benestar Social con toda a actividade desenvolvida polo departamento e os servizos dispoñibles para os distintos colectivos vulnerables.
Este novo espazo está inserido na xanela electrónica municipal https://benestar.pontevedra.gal/ e forma parte dun proceso de actualización dixital e simplificación dos sistemas de atención á cidadanía, no que o Concello vén de incorporarse á Historia Social Única Electrónica (a Hsue, que permite un acceso inmediato a tódolos datos dos usuarios).
O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, buscou a activación deste sistema de información ao público como un dos seus primeiros retos ao asumir o cargo.
En opinión do concelleiro de Benestar Social, un dos capítulos máis novidosos e de moito interese para a cidadanía organizada é o que se dedica ao programa Proponte, que se presentará este mesmo mes e que inclúe moita información sobre esta iniciativa que busca canalizar as enerxías das persoas que se organizan en favor da sociedade ou de colectivos específicos, e mesmo espazos de interacción coas persoas que no Concello están á fronte desta actividade.
Ademais de contar coas habituais plataformas de organización do servizo e de intercomunicación coa cidadanía, o novo espazo describe os servizos de Benestar que se prestan desde cada unha das sedes municipais: a Atención ás Necesidades Básicas, a Axuda no Fogar, teleasistencia, Atención Domiciliaria de Urxencia, Emerxencia Social, Inclusión das Persoas Menos Favorecidas, a Tarxeta de Estacionamento para as persoas que a precisan ou a Lingua de Signos.
Tamén ofrece aos diferentes colectivos a opción de consulta segundo a súa natureza ou características e as persoas usuarias dispoñen de dúas fontes de datos informativos. Nunha delas están reflectidas as entidades sociais de cooperación existes no municipio, organizadas pola natureza temática da súa actividade. En total, ofrécense datos de case medio cento de entidades públicas, con accesos ás súas webs e contactos electrónicos. Trátase de asociacións socio sanitarias, de inserción laboral e de acción social.
Por outra banda, existe un capítulo que centraliza os datos de localización dos case 30 locais públicos ou semi públicos que prestan servizo ás distintas actividades sociais que teñen lugar no Concello, con especial atención á Casa Azul, a principal referencia de espazo social da capital (que ademais funciona como sede de distintas entidades públicas).
Outros contidos de Proponte son os consellos para organizarse a nivel asociativo e unha completa colección de Días Mundiais ou Internacionais que poden utilizarse para visibilizar os distintos propósitos que dan sentido á vida pública. Unha última sección, 'Aparellos para mellorar', ofrece enlaces a distintas publicacións de interese para realizar unha boa xestión asociativa desde o punto de vista legal e económico, no camiño de consolidar e optimizar os esforzos que as persoas voluntarias realizan nas entidades públicas.