Unha discusión nunha gasolineira polo pago a través dunha App do móbil obriga a mediar á Policía
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Unha patrulla da Policía Local de Vilagarcía de Arousa tivo que mediar o pasado domingo para poñer fin a unha discusión iniciada nunha estación de servizo da vila polo uso da App de móbil específica para o pagamento en Repsol, Waylet.
Segundo a información facilitada pola Policía Local, sucedeu sobre as 14.15 horas do domingo na estación de servizo de San Roque. Unha clienta repostou 60 euros e fixo o abono a través da aplicación Waylet, operación que se lle cargou ao momento na súa conta.
A plataforma de pagos non lle rexistrou o ingreso ao dependente, de maneira que non llo deu por bo e pretendía que a muller o volvera a realizar. Ela negouse e empezaron a discutir.
Os axentes comprobaron que o cargo figuraba na banca electrónica da muller e fixeron unha foto para documentalo. Ademais, tomaron os datos persoais da clienta e indicáronlle ao dependente que podería cursar a correspondente denuncia si o ingreso non se facía efectivo transcorrido un tempo prudencial para que a aplicación informática actualizase os datos.
A Policía tamén acudiu o sábado ás 21.50 horas a un bar da avenida Rosalía de Castro por unha pelexa na que estarían implicados unha muller, a suposta vítima, e un home, o suposto agresor. Segundo a muller, o home propinoulle unha puñada cando ela lle recriminou a actitude que estaba a manter con outros clientes, aos que increpaba a voces.
O home negou ter agredido á muller asegurando que el estaba discutindo polo partido de fútbol cando a muller se lle acercou e cuspiulle, limitándose el a empurrala para afastala. Ningún dos implicados quixo interpoñer denuncia.
Os axentes tamén se persoaron ás dúas da madrugada do sábado na praza Marín Gómez Abal. Unha moza comentou que fora golpeada por varias persoas nunha pelexa e outra rapaza acusou á primeira de agredila cun obxecto punzante e causarlle a pequena ferida con sangue que presentaba na perna. Os axentes levantaron acta da incidencia e a lesionada non quixo denunciar.
A Policía Local tamén acudiu ás cinco da madrugada do domingo porque había un home tirado no chan na rúa Arcebispo Lago. O home estaba en estado inconsciente e sangrando pola cara e foi atendido polo persoal dunha ambulancia do 061 que o conduciu ao Hospital do Salnés.
Dado que non había testemuñas do acontecido, a Policía sospeita que o home puido terse caído do patinete eléctrico que se atopaba tirado a poucos metros.