Benestar Animal identifica con carnés aos voluntarios que coidan das colonias felinas do municipio
Por Redacción
A Concellería de Benestar Animal acaba de poñer en marcha a distribución dos carnés con códigos QR para identificar aos arredor de 50 voluntarios que se encargan da alimentación e coidado das colonias felinas existentes en Pontevedra.
Estes carnés, que poden retirarse desde este luns no Servizo Municipal de Medio Ambiente, permitirán que a Policía poida identificar con facilidade ás persoas concretas responsables da vixilancia do estado de saúde e da manutención dos animais que conforman cada unha das 103 colonias existentes no municipio (e que albergan a máis de 800 gatos silvestres).
O concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey, entregou estes "DNI gatunos" a varios voluntarios na oficina situada no número 2 da rúa Churruchaos (1º andar), cuxa expedición "responde ao estrito cumprimento da lexislación vixente neste eido".
"A identificación dos responsables das colonias felinas resulta imprescindible por imperativo legal. A actual normativa autonómica de Protección e Benestar dos Animais de Compañía non permite a alimentación de animais abandonados vagabundos ou extraviados nas vías públicas sen contar coa correspondente autorización municipal, agás en situacións que poidan comprometer o benestar dos animais, é dicir, só de xeito excepcional. No caso de Pontevedra, a alimentación e control das colonias están xestionados en colaboración coas asociacións Difusión Felina e Huellas Felinas e tamén coa axuda dalgúns veciños voluntarios", lembrou o concelleiro do PSOE.
Para realizar unha correcta identificación e outorgamento dos permisos, a Concellería de Benestar Animal encargou previamente a Difusión Felina a elaboración dun censo de colonias felinas (presentado a finais do ano pasado), que se converteu nunha ferramenta esencial para coñecer a evolución do estado de saúde de cada asentamento de gatos, incrementar a eficacia do plan CES (Captura, Esterilización e Solta) do Concello e facilitar o labor de control por parte dos técnicos municipais.
Na opinión de Marcos Rey, tanto o censo como os "DNI gatunos" supoñen "importantes pasos adiante para desenvolver un labor planificado e unha verdadeira coordinación entre os técnicos do Concello e os colectivos e voluntarios que levan anos traballando no coidado de gatos salvaxes de colonia, gatos domésticos abandonados, gatos que caen das ventás, atropelados ou feridos". "Estamos a poñer as bases para establecer un protocolo conxunto e ben coordinado de actuación, implicando a colectivos, voluntarios, técnicos municipais e Policía Local", sinalou o concelleiro de Benestar Animal.
Non obstante, aínda que o estado das colonias está bastante controlado na cidade e no barrio de Monte Porreiro, a situación resulta máis complexa en zonas rurais como San Andrés de Xeve, Campañó, Lourizán, Marcón ou Estribela.
Relacionadas:
-
Coidadoras de gatos da rúa, o labor silencioso ao caer a noite
Por María José Pita & Mónica Patxot |
-
Denuncian o abandono de ata 26 gatos en Pontevedra en tan só tres días
Por Redacción |
-
Nova campaña de esterilización de gatos do colectivo 'Castro, luego existo'
Por Redacción |
-
Un xestor privado encargarase das colonias felinas de Sanxenxo
Por Redacción |
-
O censo das colonias felinas en Pontevedra: 811 gatos atendidos por 55 voluntarios en 103 lugares
Por Natalia Puga |