Circula 18 quilómetros sen pneumáticos e invadindo o carril contrario ata ser interceptado no centro de Marín
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
Un mozo, de 25 anos e veciño de Sanxenxo, foi interceptado á primeira hora deste sábado pola Policía Local de Marín no centro da vila tras protagonizar un perigoso episodio ao volante.
Segundo explica o corpo de seguridade municipal, o mozo condutor tería circulado ao redor de 18 quilómetros polo Corredor do Morrazo e a PO-313 sen pneumáticos e invadindo o carril contrario en numerosas ocasións.
Todo sucedeu ao fío das 7.00 horas da mañá, saíndo ao seu paso a Policía Local tras ser advertida da situación.
O condutor fixo caso omiso dos axentes e tratou de fuxir polo centro urbano, chegando a circular en dirección prohibida por varias rúas ata subir a unha beirarrúa, danar máis o seu vehículo deixando un regueiro de aceite por varias rúas ata quedar atrapado nunha vía sen saída.
O coche presentaba un forte golpe, que se produciu nas proximidades de Coirados contra un farol sen evitar que o mozo renovase a marcha.
Tras ser sometido ás pertinentes probas, o condutor deu positivo por conducir baixo a influencia de bebidas alcohólicas.