O Concello ofrece 20 días hábiles para presentar suxerencias e propostas para regular a venda ambulante
Por Redacción
O Concello de Pontevedra quere, a través dun trámite de consulta pública, recabar a opinión cidadá e das organizacións para elaborar unha nova Ordenanza Reguladora da Venda Ambulante.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, vén de asinar unha nova resolución para que todas as persoas interesadas e potencialmente afectadas pola modificación da normativa dispoñan dun prazo de 20 días hábiles (que rematan o día 3 de maio) para presentar as súas suxestións e propostas a través do formulario web habilitado na páxina web do Concello de Pontevedra.
Blanco lembrou que "a actual Ordenanza de Venda Ambulante foi aprobada polo Pleno o 17 de xaneiro de 1997 e os cambios que tiveron lugar neste tempo, tanto fácticos como lexislativos, xeraron a necesidade de redactar unha nova ordenanza". Por iso, explica, "despois de 25 anos de aplicación da ordenanza vixente observáronse multitude de circunstancias que deben ser obxecto de regulación ou modificación e dar resposta aos problemas detectados na súa interpretación e aplicación".
Deste xeito, a nova Ordenanza buscará dar resposta a aspectos como actualización e modernización do concepto xeral de venda ambulante, adaptándoo as novas necesidades sociais, co fin de evitar a perda de importancia para o consumidor; as normas de funcionamento; as relacións entre o Concello de Pontevedra e os titulares de postos e a delimitación dos posibles usos admisibles nos mercados. Por último, queren regular un réxime sancionador, con específica tipificación de infraccións e sancións, e delimitación de competencias na materia.
"Na actualidade, os mercados de venda ambulante deben ser entendidos como un espazo público, xestionado directamente polo Concello, que integra a un colectivo de vendedores que comparten a utilización de espazos e instalacións de uso público", sinalou a concelleira. "Ao ser diversos os aspectos a modificar, considerouse máis conveniente aprobar unha nova ordenanza que limitarse a modificar a existente, polo que, antes de afrontar a súa redacción definitiva, queremos abrir esta fase de consulta pública para recabar a opinión de cidadáns e colectivos afectados".
Nestes momentos, o mercadillo ambulante de Rafael Areses conta con 89 postos dispoñibles, dos que 34 están vacantes, mentres que o que se celebra en Estribela dispón de 56 postos, dos que 26 están libres.