Satisfacción pola boa acollida do programa de mellora da inserción laboral 'Ponte ao Choio!'
Por Redacción
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, achegouse este venres ata a planta baixa da Casa Azul para presenciar os primeiros compases do proxecto de mellora da inserción laboral ‘Ponte ao Choio! Desenvolvendo o teu futuro’, cuxo Circuíto Curricular e charlas desenvolveranse durante toda a xornada de hoxe e de mañá sábado.
Tras presenciar os labores de asesoramento integral efectuados polo equipo que encabezan Noela Quintana, consultora en Recursos Humanos e formadora; Beatriz Císcar, fotógrafa profesional, e Damián Pazos, da firma Pixelecer Audiovisual e experto na confección de videocurrículos, a edil socialista amosouse "sumamente contenta" co seu bo facer, tanto que xa avanzou a súa intención de repetir este programa.
"Dá gusto ver por aquí a mozas xoves, recén saídas de estudar, con gañas de facer un bo currículo. E diso se trata, de axudar a conseguir un bo traballo. Hai xente de tódalas idades, desde os 18 anos até os cincuenta e pico... Hai unha consulta personalizada, que permite ver que tipo de Curriculum Vitae é o máis axeitado en función dos estudos", salientou Yoya Blanco.
O principal obxectivo de 'Ponte ao Choio!' é o de ofrecerlle á cidadanía un asesoramento integral no proceso de busca de emprego, contando para isto cun "dream team" de profesionais de diferentes ámbitos que axudarán de balde ás persoas participantes (preto de 40) a optimizar a súa imaxe e "venderse" mellor.
A través deste programa, as persoas asesoradas poderán adquirir un papel activo no seu proceso de procura de emprego, así como unha formación, adestramento e imaxe persoal que melloren as súas posibilidades de inserción laboral.