Volven a Pontevedra os cursos gratuítos para persoas desempregadas
Por Redacción
A Concellería de Promoción Económica e Turismo volve impulsar accións formativas coa intención de optimizar a empregabilidade dos pontevedreses e pontevedresas.
Trala boa acollida dos cursos desenvolvidos ao longo destes meses, regresan estas actividades coa participación da academia Ara Formación, que formará de balde aos interesados en participar en ámbitos cunha elevada demanda de man de obra.
Xunto co departamento que dirixe a socialista Yoya Blanco, organizaron unha formación sobre 'Operacións básicas de restaurante e bar', que dará comezo o vindeiro 30 de maio, unha de 'Aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios básico (orientada ao rural)', que se iniciará o 13 de xuño, e outra de 'Operario de almacén + Carretilla elevadora', que se porá en marcha o 17 de outubro.
Estes cursos son de carácter presencial e están dentro do Proxecto Iles (Iniciativa Local de Emprego Social). Apunta Blanco que terán prioridade as persoas desempregadas e empadroadas no municipio, e poderán inscribirse a través do email administracion@proxectoiles.es, indicando no asunto a formación na que desexan apuntarse e proporcionando o seu nome e apelidos, DNI, dirección, teléfono, correo electrónico, antigüidade no paro e volante de empadroamento.
A primeira das actividades formativas consistirá en 'Operacións básicas de restaurante e bar' e terá unha duración de 120 horas (80 teóricas e 40 prácticas), desenvolvéndose entre o 30 de maio e o 20 de xuño, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
Neste caso, abordarán a aplicación das normas e condicións de seguridade nas zonas de produción e servizo de alimentos e bebidas, o cumprimento das normas de hixiene alimentaria e manipulación de alimentos, a limpeza de instalacións e equipos, o uso de uniformes e equipamento persoal de seguridade e a utilización da dotación básica do restaurante e asistencia no preservizo.
O seguinte curso será de 'Aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios de nivel básico (para o rural)'. Este terá lugar entre os días 13 e 20 de xuño, en horario de 18:00 a 21:00 horas, cunha duración de 25 horas e unha clase de repaso antes do exame, que será o 29 de xuño.
Tratarán aspectos como as principais pragas e enfermidades que afectan aos cultivos e os danos que producen, a clasificación, etiquetado e fichas de datos de seguridade dos produtos fitosanitarios, os seus riscos para o medio ambiente, os métodos de control, a peligrosidade para as persoas, o transporte e almacenaxe, os métodos e equipos de aplicación, os produtos ilegais e as infraccións, sancións e delitos.
O circuíto destas accións formativas o pechará o curso de 'Operario de almacén + carretilla elevadora', que durará 97 horas (57 teóricas e 40 prácticas) e se desenvolverá entre os días 17 e 28 de outubro, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
"Este curso tivo unha moi boa acollida e unha elevadísima demanda nas súas primeiras edicións", destacou Yoya Blanco. Nel abórdanse cuestións como a loxística de aprovisionamento, os tipos de almacéns e os principios da almacenaxe, os procesos involucrados na distribución, a xestión de stocks, a condución de carretillas elevadoras, a prevención de riscos laborais ou o control da calidade na loxística.
Relacionadas:
-
'Pontevedra, Cidade de Moda' exhibe nas rúas os deseños das tendas locais
Por Redacción |
-
O antigo conservatorio convertirase nun pioneiro laboratorio da creatividade
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Satisfacción pola boa acollida do programa de mellora da inserción laboral 'Ponte ao Choio!'
Por Redacción |