Xornada de portas abertas para futuros residentes no Hospital Montecelo
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Hospital Montecelo celebrou unha xornada de portas abertas na que participaron 80 futuros residentes de formación sanitaria especializada de Medicina, Enfermaría, Farmacia e Psicoloxía procedentes de toda España, unha cifra que a comisión de docencia valorou coma un auténtico éxito de participación.
O subdirector de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía, Jorge García-Borregón, deu a benvida aos futuros residentes cunha breve semblanza do entorno sanitario, cedendo posteriormente a palabra ao xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, que espuxo o organigrama dos centros que a integran e as principais especialidades dispoñibles nos mesmos.
A continuación, o vicepresidente da comisión de docencia, o doutor Luís Anibarro, achegou os argumentos asistenciais, profesionais e persoais para que os futuros residentes se decanten por escoller as diversas opcións formativas tanto en Atención Primaria coma Atención Hospitalaria en Pontevedra e O Salnés, sinalando que eles serán, nun futuro cercano, a base do sistema sanitario público galego e que deles, coma profesionais da saúde, dependerá o bo funcionamento do mesmo.
Pola súa banda, a médico residente de quinto ano de Medicina Interna, Nuria Vázquez Temprano, incidiu na súa intervención na gran capacidade desta área sanitaria para adicar tempo á formación asistencial e cirúrxica.
Logo da presentación dos centros, os futuros residentes coñeceron de primeira man os servizos do seu interese.