Programan varias andainas para fomentar hábitos saudables na veciñanza de Poio
Por Redacción
'Andainas de primavera' é a nova iniciativa do Concello de Poio pensada para persoas de todas as idades, se ben os menores deberán estar acompañados e supervisados por unha persoa adulta que se responsabilice deles.
A través deste programa, impulsado pola Concellería de Mocidade, dirixida pola socialista Rosa Fernández, organizaranse seis excursións a diferentes lugares da provincia de Pontevedra para a realización de rutas guiadas. Todas estas saídas, que darán comezo o vindeiro 10 de abril, serán os domingos, con saída ás 9.30 horas e volta a Poio ás 13.45 aproximadamente, cunha duración media dunhas tres horas e media.
Rosa Fernández explica que "nos anos previos á pandemia organizamos saídas deste tipo e foron todo un éxito", á vez que salienta os obxectivos do programa, a través do cal búscase potenciar o costume de camiñar de xeito relaxado, xa que "aporta moitos beneficios á nosa saúde, tanto desde o punto de vista físico como mental".
As rutas proxectadas son de doada realización, ao seren todas catalogadas como de dificultade baixa e media-baixa. En cada unha destas visitas haberá unha persoa que se encargará de exercer de guía e que contará con material de observación, como lupas, prismáticos e telescopio. Ademais, a todas as persoas inscritas se lles fará entrega de documentación sobre cada unha das rutas a realizar.
A primeira destas saídas, o 10 de abril, será para coñecer a fachada litoral de Castrelo (Cambados), en pleno corazón da comarca do Salnés. Posteriormente, o 8 de maio, farase unha excursión á parroquia pontevedresa de Pontesampaio. Para este mes tamén queda fixada unha visita á fervenza do Segade, en Caldas de Reis (15 de maio). Por último, no mes de xuño o programa pecharase con saídas a Cangas do Morrazo (día 5), onde se cubrirá a súa senda costeira, á ruta da Liberdade, con concello da Lama (día 12), e outra á Senda de Barragán, en Pazos de Borbén (día 19).
A concelleira de Mocidade lembra que as persoas interesadas en inscribirse nesta actividade, que é totalmente gratuíta, poderán facelo chamando ao número de teléfono 986872401 ou enviando un correo electrónico á dirección xuventude@concellopoio.org.
Tamén é posible darse de alta de xeito presencial, nas dependencias da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), na Casa Rosada.