Un accidente múltiple na recta de Tenorio causa cinco feridos
Por Redacción
Cinco persoas foron trasladadas de urxencia ao hospital tras ser vítimas dun accidente de tráfico que se rexistrou onte á noite en Cerdedo-Cotobade. Unha delas tivo que ser excarcerada dun dos coches ao quedar atrapada tras o impacto.
O accidente produciuse sobre as oito e media da tarde no quilómetro 84 da N-541, no punto coñecido como a recta de Tenorio, segundo informou o 112 Galicia. No sinistro víronse implicados varios vehículos.
Ata o lugar do accidente desprazáronse persoal sanitario do 061, efectivos do GES da Estrada e de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade e axentes da Garda Civil de Tráfico.
Os bombeiros chegados desde Pontevedra e O Salnés, pola súa banda, tiveron que auxiliar á persoa que non podía saír polos seus propios medios do coche sinistrado.
Este accidente demostra, segundo reiteran os veciños, que os tempos de reacción seguen sendo moi elevados para que esta zona da provincia sexa atendida desde o consorcio provincial de bombeiros, que ten a súa base máis próxima en Ribadumia.
Lembran que segue aberta unha petición en Change.org para que esta área conte co seu propio equipo ou grupo de servizos de extinción de incendios e salvamento, así como unha ambulancia asistencial permanente con base en Cerdedo.