Greenpeace reclama arborado autóctono e solos naturais nas reformas urbanas de Vilagarcía
Por Redacción
As obras de humanización que o Concello de Vilagarcía de Arousa proxecta na Rúa Arcebispo Lago provocou a reacción da organización ecoloxista Greenpeace. Este colectivo considera que falta infraestrutura e espazo verde nesta reforma.
Greenpeace ve positiva a peonalización prevista pero demanda que se integren elementos verdes no ámbito urbano e reta ao goberno local a cambiar "o gris polo verde". Desde a organización consideran que o equipo de goberno que lidera o alcalde Alberto Varela está "a esquecerse nas súas formulacións e políticas de cidade" dos espazos verdes.
Fundamenta estas afirmacións nas reformas realizadas na Praza de Galicia ou en Camilo José Cela ao considerar que ofrecen un "enorme déficit de cobertura vexetal, especialmente arbórea, e solos naturais, facéndoas case inhabitables nos meses de máis calor".
A organización ecoloxista lembra que a presenza de "verde urbano" beneficia a saúde e combate a contaminación, axudando a mitigar as temperaturas altas nos meses cálidos, a evitar inundacións, entre outros beneficios.
Por este motivo, demanda ao Concello de Vilagarcía que modifique o proxecto de Arcebispo Lago para introducir máis cobertura arbórea e chans naturais corrixindo deficiencias nos "lugares grises".
Ademais piden renaturalizar espazos urbanos e convidan a emprender esta proposta en parte do Río do Con ou na franxa de praia de Compostela, próxima ao centro urbano. No seu comunicado, a organización advirte de que Vilagarcía de Arousa só conta con 7.2 metros cadrados de espazos libres e zonas verdes por habitante cando a OMS establece como cidade ideal aquela que conta con 50 metros cadrados por persoa.