A caótica Praza Frei Antonio Orge converterase nun espazo de encontro cidadá
Por Redacción
Unha praza funcional que sexa un punto de encontro para a cidadanía. Así será a futura Praza Frei Antonio Orge, que o goberno municipal de Ponte Caldelas quere reformar de xeito integral para acabar coa súa organización caótica e sen unha función clara.
Este espazo, que será renomeado como Praza Placeres Castellanos Pan, é un ámbito de aproximadamente 3.785 metros cadrados, situado a carón da escola infantil de Ponte Caldelas, a ludoteca municipal e o colexio Manuel Cordo Boullosa.
O proxecto consistirá na creación dunha gran praza de plataforma única gañando un importante espazo de calidade para as persoas.
Contará con cinco estanques con iluminación, bancos con iluminación led, arboredo para crear espazos de sombra e torretas de iluminación. Todas as luces da praza levarán un novidoso sistema que regula a intensidade en función da luminosidade ambiente e do horario.
Ademais, eliminarase o vial que discorre por diante da escola infantil e da ludoteca municipal para crear un espazo seguro no que a cativada poida xogar con total seguridade.
A vía que dá acceso aos dous centros escolares da vila, o CEIP Manuel Cordo Boullosa e o IES Ponte Caldelas, e á Avenida do Balneario quedará na mesma plataforma única, limitando a velocidade dos vehículos a 10 km/h.
O Concello sacou a licitación esta actuación por case 494.000 euros. Os cartos proceden do Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra. As empresas interesadas en executar esta obra poderán presentar as súas ofertas ata o próximo 11 de abril.
Relacionadas:
-
A nova iluminación da Praza de Frei Antonio Orge adaptará a súa intensidade ás distintas épocas do ano
Por Redacción |
-
As obras de reordenación da Praza Frei Antonio Orge, a piques de comezar
Por Redacción |
-
Convenio para renovar o espazo público na Praza Frei Antonio Orge
Por Mónica Patxot & Redacción |