Guerra de datos entre o PSOE e o PP no Parlamento sobre a actividade e o persoal do centro de saúde de Monte Porreiro
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
A deputada pontevedresa Paloma Castro (PSOE) buscou este xoves o apoio do resto de grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia para pedir á Xunta que restableza a dotación de tres médicos e enfermeiros e un pediatra no centro de saúde de Monte Porreiro. Si atopou o respaldo do BNG, a través da deputada Montse Prado, pero no PP tivo unha grande oposición e, finalmente, o debate que se celebraba na Comisión quinta de Sanidade, Política Social e Emprego acabou converténdose nunha guerra de datos.
A socialista presentaba unha proposición non de lei que non foi aprobada porque o PP rexeitouna. Tivo cinco votos a favor (de PSOE e BNG), pero o voto en contra dos 7 representantes do Partido Popular.
O texto da proposición socialista recolle que o centro de saúde conta cunha dotación de 2 médicos, 2 enfermeiras, 2 administrativos e 1 auxiliar, que atenden á xestión administrativa dunha carteira de pacientes de 4.412 persoas.
Fronte a estes datos, a deputada do PP María Encarnación Amigo Díaz sostivo que o centro ten adscritos máis de 1.000 pacientes menos, en concreto, 3.300, dos que 397 son nenos e 60 teñen máis de 65 anos. Supón, para os adultos, un cupo de 1.466 persoas.
Paloma Castro denunciou que o centro tiña tres médicos, pero a xubilación do terceiro, hai varios anos, que o Sergas deixou sen repoñer, provocou que os dous facultativos teñen que atender un cupo de 1.472 e 1.471 pacientes, respectivamente. Para a socialista "é excesivo e está por riba da media esixida a calquera profesional" e a situación "chega a ser límite nos casos de baixa puntual", cando o médico que resta ten que atender á totalidade do cupo, facer as visitas domiciliarias e prestar servizo de garda no PAC de A Parda.
María Encarnación Amigo, pola súa conta, pediu "máis coherencia e máis veracidade" ao PSOE e sostivo que "os cupos están por debaixo dos establecidos como óptimos polo Ministerio de Sanidade".
Tampouco coinciden coas circunstancias nas que se chegou a esta situación, pois Paloma Castro fala dunha xubilación do terceiro médico, pero a deputada do PP sostén que "terxiversan", pois este terceiro médico, co seu cupo, deixou Monte Porreiro e foise ao PAC da Parda no ano 2010 coa apertura do novo PAC.
Mentres que Paloma Castro sostén que máis médicos son "imprescindibles para garantir as condicións sanitarias da veciñanza e evitar o colapso rexistrado nos peores picos da pandemia", Amigo Diaz asegura que o centro está ben atendido e "a maioría dos veciños están dacordo co servizo".
Tampouco coinciden en relación coa situación de Pediatría. Castro sostén que o centro ficou sen pediatra dende a xubilación do profesional que tiña asignado, derivando aos nenos e nenas do barrio ao centro de saúde de Lérez, situado noutra parroquia, o que provocou unha intensa mobilización veciñal. Engade que "tres anos despois continúan sen pediatra en plena pandemia da covid".
María Encarnación Amigo explica que "volven terxiversar" sobre ese tema, pois sinala que Monte Porreiro ten unha praza de pediatra compartida con Barro, pero nos últimos tempos optouse por derivalos ao centro de saúde de Lérez, que está a 2,9 quilómetros porque en Lérez hai dous pediatras e así "favorece a cobertura pediátrica".