O Pazo provincial da Deputación tinguirase de amarelo neste día da endometriose
Por Redacción
Ao longo da tarde e noite deste luns 14 de marzo, o Pazo da Deputación de Pontevedra na avenida Montero Ríos tinguirase de cor amarela, tonalidade que se relaciona coa enfermidade da endometriose ao celebrarse o Día Mundial desta doenza.
A endometriose é un trastorno habitualmente doloroso que afecta a unha de cada dez mulleres en idade fértil. Os cálculos en Galicia indican que ao redor de 60.000 mulleres padecen esta doenza na comunidade. Non existe un tratamento idóneo para as mulleres afectadas e tamén se tarda unha media de oito anos en diagnosticarse.
A Deputación de Pontevedra con esta acción quere apoiar as reivindicacións da asociación querENDO de Mulleres con Endometriose, un colectivo autonómico que nacía no ano 2015. Desde esta asociación colabórase con pacientes ofrecendo axuda física, psicolóxica e educativa.
A endometriosE prodúcese cando as células do revestimento da matriz, do útero, crecen noutras zonas do corpo. A orixe é descoñecida e as mulleres que o sofren padecen moita dor que, nos casos máis avanzados, pode resultar incapacitante. Está considerada unha das afeccións máis enigmáticas e controvertidas dentro da xinecoloxía.