A empresa Proyecon Galicia encargarase de implantar o tratamento biolóxico na depuradora de Vilaboa
Por Redacción
Augas de Galicia adxudicou por 660.520 euros as obras para a implantación de tratamento biolóxico na depuradora de Vilaboa á empresa Proyecon Galicia.
Ten como obxectivo mellorar o sistema de depuración da estación de tratamento de augas residuais de Vilaboa, que só conta con tratamento primario físico-químico, e dotala dun tratamento secundario, biolóxico, conseguindo así maior eliminación de materia orgánica e do nitróxeno contido na auga residual.
A Xunta prevé iniciar as obras neste primeiro trimestre e rematalas neste mesmo ano, xa que teñen un prazo de execución de 5 meses.
A actuación proxectada por Augas de Galicia inclúe, ademais, intervencións no control de olores, mediante unha axeitada desodorización ou cambios e actualización de equipos para adaptarse á normativa.
No marco do contrato tamén se prevé a incorporación dun sistema de monitorización enerxética, para ter un maior control do consumo eléctrico da planta ou o cambio do panel sándwich da cuberta.
As actuacións serán cofinanciadas pola Unión Europea, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.