O campus de Pontevedra presenta o seu primeiro curso de monitor de tempo libre
O vicerreitor do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Jorge Soto, presentaba este martes 8 de marzo na Casa das Campás o primeiro curso de monitor de tempo libre da cidade.
O curso é unha titulación oficial da Xunta de Galicia, que consta de 25 prazas para 200 horas e un período práctico de 150 horas. Pola parte da docencia, o 80% forma parte do alumnado ou egresados da UVigo.
Durante as fins de semana de abril e maio, as persoas asistentes poderán optar ao título de monitor de tempo libre. Os venres as clases impartiranse de 16:00 a 19:00 horas e os sábados e domingos en xornada partida de 9:00 a 14:00 horas pola mañá e de 16:00 a 21:00 horas pola tarde.
Tamén colaboran o profesor da Facultade de Educación e Traballo Social Millán Brea, en representación da Escola do Tempo Libre (ESTOU), e a Concellería de Xuventude, coa cesión do Centro Leste nunha aposta por dinamizar os barrios e dar participación activa á veciñanza pontevedresa, segundo a información aportada por vicerreitoría.
Para inscribirse, as persoas interesadas deberán enviar un correo a secretariaestou@gmail.com a partir do luns 14 de marzo ás 11:00 horas e abonar un pago de 170 euros. Brea afirma que traballaron para conseguir unha das opcións máis baratas para facilitar a accesibilidade, ademais de ofrecer a posibilidade de fraccionar os pagos.
No Campus de Ourense, a ESTOU xa realizou en diversas ocasións varios cursos durante os seus case dez anos de traxectoria, nos que foron galardoados co premio á Promoción do Deporte. A Escola defende tanto a cultura galega como a intervención social, algo ao que agora aspira tamén o Campus de Pontevedra.
Soto incidiu na definición do campus como un espazo académico, universitario e social, polo que a súa intención é levar a cabo máis cursos deste tipo abertos á cidadanía. Así mesmo, desde a vicerreitoría tamén lle outorgan importancia á cultura mediante o teatro universitario ou o grupo de Música Tradicional Galega, que comezará a ensaiar nas prazas de Pontevedra para que os viandantes poidan escoitalos.