60 familias de Sanxenxo necesitaron este ano axudas de urxencia social
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo prestou no que vai de ano un total de 60 axudas a familias empadronadas e residentes no municipio, a través do programa de urxencia social, un recurso co que a Concellaría de Benestar busca favorecer a integración dos veciños que presentan máis carencias.
Segundo indicou o Concello nun comunicado, mediante este plan, o Executivo local pretende dar resposta inmediata a aquelas situacións puntuales de necesidade, derivadas de gastos específicos de carácter básico como é a alimentación, o vestido, a vivenda, o gasto de medicinas ou tratamentos, ademais doutras relacionadas co aloxamento alternativo, os desprazamentos de urxencia ou actuacións extraordinarias no domicilio.
Tal e como explicou a concelleira delegada desta área, Isabel González, a maior parte destes casos son consecuencia da crise económica actual e prodúcense cando as familias esgotan a prestación por desemprego e teñen que asumir os gastos de manutención dos seus fillos.
De feito, do mesmo xeito que no anterior exercicio, a maioría das achegas realizadas pola Administración sanxenxina foron dedicadas á compra de alimentos de primeira necesidade, ao pago de facturas de electricidade e farmacia e, nalgún caso, tamén do aluguer da vivenda.
Entre elas destacan aquelas xurdidas por necesidades básicas de carácter persoal como alimentación ou vestido; as débedas adquiridas por pagos de aluguer, fianza, cotas comunitarias ordinarias e aquelas que por valoración técnica estímense necesarias no referente ao mantemento e conservación da vivenda; débedas de auga, luz e gas, falta de capacidade económica para a adquisición de equipamiento básico para o fogar, ou medicinas, ou para aloxamento alternativo cando sexa imposible a permanencia da persoa no seu domicilio habitual.
Outros gastos sufragados tamén pola Administración local son os relativos a desprazamentos de urxencia, limpeza extraordinaria en domicilio cando existe un risco sanitario e enterros, entre outros. Ademais, entrega vales para menús do día a aqueles transeúntes que carecen de recursos, suplindo deste xeito a ausencia dun comedor social no municipio. Nos dez primeiros meses de 2013 foron 27 os beneficiarios destes bonos.