Benestar Animal pide axuda para identificar a persoa que disemina veleno para cans na contorna da avenida de Bos Aires
Por Redacción
Durante os últimos días, a concellería de Benestar Animal recibía información da presenza de veleno depositado en diversos puntos da contorna dos antigos terreos que ocupaba a fábrica de Tafisa nas proximidades do Lérez. En concreto, unha substancia en forma de po foi detectada en varios lugares dunha zona verde na avenida de Bos Aires, un espazo que habitualmente é utilizado por propietarios de cans para realizar os seus paseos.
Diferentes donos de mascotas alertaron de casos de intoxicación dos seus animais, que sofren diarreas augadas, despois de que pisasen ou lambesen algún destes produtos. Ante esta situación, Marcos Rey, concelleiro de Benestar Animal, pide a máxima colaboración cidadá para dar coa persoa "desalmada" que se dedica a envelenar cans neste espazo. Recomenda que a cidadanía se manteña alerta e póñase en contacto coa Policía Local para denunciar os posibles casos de intoxicación ou a presenza deste compoñente velenoso no chan.
O concelleiro tamén pide ás persoas que xa comprobaron como os seus animais se viron afectados que conserven unha copia do informe veterinario para tentar canalizar as denuncias pola vía penal. Neste caso, Rey lembra que a persoa responsable destes actos de "falta de humanidade e crueldade" enfrontaríase a tres meses de prisión no caso de que se lle impute un delito de malos tratos animais.
Tamén indica que estas accións, á marxe do dano que pode producir aos animais, tamén supón un "verdadeiro perigo" para as persoas que circulan pola zona, en especial aos máis pequenos. Hai que ter en conta que as mascotas poden tamén actuar como medio de transporte do veleno aos domicilios a través das patas, sen que os donos cheguen a decatarse, expón o concelleiro.