Imaxes dos Entroidos pasados adornan os establecementos de Poio
Por Redacción
Raquel Rodríguez, concelleira de Cultura, visitaba ao longo desta semana varios establecementos nos que se expoñen os paneis que o Concello repartiu con fotografías de pasadas edicións da celebración do Entroido no municipio.
Nos corenta paneis repartidos obsérvanse máis de 300 imaxes que recollen escenas divertidas desde a década dos oitenta e que, nalgúns casos, forman parte do Arquivo Municipal do Concello. Estes paneis pódense ver en 30 establecementos comerciais da vila coa intención de fomentar a visita aos locais e, ao mesmo tempo, rememorar a participación cidadá nestas celebracións, segundo explica Raquel Rodríguez.
Estas mostras poderanse ver ata mediados de marzo nos comercios e tamén nos edificios municipais como a Casa do Concello, o Centro Cultural Xaime Illa, a Casa Rosada e o local social de Campelo.
Para o domingo 27 de febreiro na Seca, a partir das 16.30 horas, está previsto que se realicen, dentro das actividades da programación, diferentes obradoiros familiares con animación musical a cargo de Javi Solla. En caso de mal tempo, o goberno local anuncia a instalación dunha carpa na chaira. Estableceranse todas as normativas marcadas polas autoridades sanitarias.
A concelleira tamén indica que esta fin de semana nas redes sociais se celebra o certame de disfraces que organiza a Asociación de Comerciantes EnPoio. Tamén, entre o 7 e o 12 de marzo, terá lugar o Concurso de Viúv@s e Choqueir@s que organiza a Asociación Ronsel con premios para as categorías infantil, familiar e individual.